Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(31-01-2008)

Un momento da mesa redonda na Coruña

conversascon: pechou na Coruña a mesa redonda sobre o voluntariado lingüístico

Os coordinadores dos voluntariados lingüísticos galego, catalán, valenciano e vasco apostaron na Coruña por incorporar novos falantes ás linguas dun xeito lúdico e atractivo. O ciclo conversascon: continuará o 27, 28 e 29 de febreiro en Pontevedra coa xornada "O Sáhara, 30 anos despois".

Unha conversa nun café, unha actuación teatral ou un pequeno paseo poden converterse nunha excelente maneira de transmitir a lingua dun xeito lúdico e atractivo grazas ás voluntarias e voluntarios lingüísticos, persoas da rúa que deciden dedicar parte do seu tempo a agasallar co seu idioma a todo aquel que queira aprendelo, ben porque leva pouco tempo no país, ben porque quere coller soltura. O obxectivo é conseguir novos falantes e espazos para a lingua e facilitar a integración na cultura propia aos que acaban de chegar.

Así o explicaron esta mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña os coordinadores dos catro programas de voluntariado lingüístico que están a funcionar no Estado, na segunda das mesas redondas sobre este tema programadas dentro do ciclo conversascon:, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade da Xunta de Galiza, e a primeira das cales tivo lugar onte na Facultade de Filoloxía de Santiago.

Vicent Moreno, de Escola Valenciana (País Valencià), Iker Martínez, de Topagunea (Euskadi), Teresa Casals, da Plataforma per la Llengua (Catalunya) e Raquel González, da Mesa pola Normalización Lingüística, volveron ser os encargados de analizar os diferentes retos aos que se enfrontan nestes intres as linguas cooficiais no Estado e as achegas á normalización que se están a realizar desde os programas de voluntariado lingüístico. O director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e Carlos Callón, presidente da Mesa, presentaron o acto.

O funcionamento dos voluntariados, aínda que con pequenas diferenzas, é moi semellante: fórmanse parellas ou grupos, en función dos intereses de cada quen e a súa dispoñibilidade horaria, nos que a persoa voluntaria sabe falar o idioma do país e úsao habitualmente e axuda a outra ou outras que queren aprender a falalo. Non se trata de clases, senón precisamente de sacar a lingua á rúa e promover o seu uso espontáneo.

En Galiza foron a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade e A Mesa pola Normalización Lingüística as entidades que colaboraron para a posta en funcionamento do Voluntariado de Activación Lingüística (VAL), que deu os seus primeiros pasos a finais do 2006.

Carlos Callón, presidente da Mesa, asegurou durante o acto que “a lingua galega é un elemento de unión aberto para os galegos e para as persoas que chegan á Galiza, sexan estudantes de intercambio ou novos galegos e galegas”. Puxo o exemplo de Daniel Castelao, “que cando chega a Galiza despois de pasar a súa infancia na Arxentina falaba en castelán, e só foi cando tomou consciencia da situación da lingua, cando decidiu ser falante de galego”.

Ademais de para a sociedade en xeral, o VAL está a realizar campañas específicas para estudantes universitarios. Durante o presente curso académico púxose en marcha na Universidade de Santiago de Compostela: os alumnos de programas de intercambio da USC coñeceron a lingua e a cultura do país grazas a estudantes galegos, que tamén lles serviron de guía na súa chegada aos campus de Santiago e Lugo. Nos vindeiros meses, vaise estender a todas as universidades galegas.

Voluntariado na universidade
Precisamente foi na universidade, na Autónoma de Barcelona, onde por primeira vez se puxo en marcha un programa de voluntariado lingüístico. Teresa Casals explicou que en Catalunya, que recibe cada curso arredor de dez mil alumnos de fóra, o catalán ten unha presenza nas aulas dun 60 por cento. “Se demandan que se lles imparta a docencia en castelán, entón o catalán morre. O que hai que facer é acollelos cos brazos abertos e ofrecerlles facilidades para que se acheguen á lingua”. Para iso, as universidades catalás están pondo múltiplas ferramentas ao seu dispor, desde páxinas web e guías até o propio voluntariado.

Tamén incidiu Vicent Moreno na importancia da acollida. “Queremos que os que chegan ao noso país vexan o valenciano como un agasallo”, asegurou Moreno, quen indicou que “o noso obxectivo case utópico, pero que nalgún caso chegou a cumprirse, é que os que veñen a aprender co voluntariado se acaben convertendo en voluntarios”.

Iker Martínez, de Topagunea, sinalou que Mintzapraktika, o programa vasco, tenta principalmente crear redes de uso do éuscaro, xa que, aínda que o nivel de coñecemento da lingua vai en aumento, hai xente que deixa de falala ao saír do ensino regrado porque non ten con quen practicalo.

O ciclo conversascon: continuará o 27, 28 e 29 de febreiro en Pontevedra coa xornada "O Sáhara, 30 anos despois".


Programa de conversascon: >>

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds