Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(10-03-2017)

A Xunta de Galicia promove os intercambios xeracionais a través do programa 'Voluntariado Miúdo: Móvete'

A actividade forma parte do itinerario de acción voluntaria impulsado desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado e conta coa participación de máis de cincocentos escolares galegos.
O alumnado de 2º curso de Educación primaria deste centro naronés están a traballar nun proxecto para o desenvolvemento da solidariedade dende unha óptica interxeracional denominado 'Con ollos de maior pero mirada xoven'.

O Conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, destacou esta mañá que “coñecer, comprender e respectar as diferenzas entre as persoas maiores e os xóvenes nos permite mellorar a convivencia e avanzar cara a unha sociedade mellor, máis tolerante e respectuosa”. Así se manifestaba o responsable das políticas sociais da Xunta de Galicia minutos antes de asistir no Centro Xerontolóxico Euxa de Narón á representación da peza teatral 'A Galiña Azul', que correu a cargo dun grupo de escolares voluntarios de segundo curso de Educación primaria do CEIP O Feal. A actividade está inscrita no marco do Plan Proxecta, nomeadamente do Programa 'Voluntariado Miúdo: Móvete', que leva a cabo a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado dentro do itinerario de acción voluntaria.

Jose Manuel Rey Varela explicaba que con esta iniciativa “queremos promover os valores da cultura solidaria e que os nosos nenos e nenas adquiran competencias no eido da solidariedade e o voluntariado”. Nesta liña, a actividade desta mañá forma parte dun proxecto pedagóxico denominado “Con ollos de maior pero mirada xoven” para o desenvolvemento da solidariedade dende unha perspectiva interxeracional entre as persoas usuarias da residencia e o alumnado participante. E, ao fío, destacou que “actividades como a de esta mañá facilitan o intercambio de saberes, favorecen a creación de vínculos entre as persoas maiores e as máis novas e fomentan nestes últimos principios como o respecto e a tolerancia interxeracional”.

O Programa 'Voluntariado Miúdo: Móvete' conta na actualidade coa participación de oito centros de educación infantil e primaria, entre eles o CEIP O Feal, e máis de cincocentos voluntarios miúdos implicados en proxectos de acción voluntaria. Voluntariado Miúdo compleméntase co Pasaporte Solidario e a Rede de Centros Escolares Solidarios, xa para os alumnos e alumnas de Educación Secundaria.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds