Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(08-03-2017)


A Xunta pon en marcha a sexta edición do programa “Pasaporte Solidario”

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, presentou esta mañá a actividade no CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro.

O obxectivo desta iniciativa pasa por promover os valores da solidariedade, participación e compromiso social entre toda a comunidade educativa.

A edición deste ano conta coa participación de 1339 alumnas e alumnos de ata 12 anos repartidos en 22 centros educativos das catro provincias galegas.

A Xunta de Galicia vén de anunciar a posta en marcha dunha nova edición do programa de fomento do voluntariado “Pasaporte Solidario”. Unha iniciativa que alcanza a sexta edición e que vai dirixida a toda a comunidade educativa galega. Nomeadamente, pais,nais, profesorado e alumnado de ata doce anos. En total tomarán parte na edición deste ano 1339 alumnos e alumnas de 22 centros educativos das catro provincias galegas. Así o anunciaba esta mañá a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, no transcurso da visita realizada ao CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro, un dos centros educativos que participa este curso 2016-2017 nesta experiencia.

“Pasaporte Solidario” é unha iniciativa cuxo obxectivo pasa por promover os valores de solidariedade, participación, compromiso social e voluntariado ao tempo que favorece a implicación dos máis pequenos. E o fai a través da súa participación activa e do traballo en equipo. Deste xeito, as persoas voluntarias que queiran participar recibirán un documento a modo de pasaporte que irán cubrindo a medida que vaian realizando accións solidarias. Aquelas persoas voluntarias que rematen satisfactoriamente o seu itinerario de solidariedade reciben un documento acreditativo que recoñece a súa participación no programa.

No presente curso 2016-2017, repiten participación neste programa os centros La Salle de Ferrol, o IES Blanco Amor de Ourense, o CEIP Os Casais de Ares, o CEPS Nuestra Señora del Rosario de Arzúa, o CEPS San Narciso de Marín,o IES de Beade de Vigo, o IES David Buján de Cambre e o IES Castro Alobre de Vilagarcía de Arousa; e sumáronse a esta iniciativa os colexios Rías Altas e Hogar Santa Margarita de A Coruña, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o CEIP Randufe de Tui, o CEIP de Laredo de Chapela, o CEIP Condesa de Fenosa de O Barco de Valdeorras, o CEIP de Quiroga, o Colexio San Fermín de Caldas de Reis, o CEIP Plurilingüe nº1 de Tui, o CEIP Areouta de Fisterra, o CEIP o Ruxidoiro de Barbadás, o CEIP Barrantes de Tomiño,o CEIP Plurilingüe Santa Rita de Viveiro e o CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés de Sigüeiro.

Con este proxecto a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado ofrece unha programación para que os mozos e mozas galegos teñan a posibilidade de desenvolver un itinerario voluntario completo e continuo, que comeza na educación infantil e primaria co Voluntariado Miúdo: “Móvete”, segue co “Pasaporte Solidario”, dirixido a mozos de ata 12 anos; continúa coa Rede de Centros Solidarios para estudantes de Educación Secundaria; e complétase co Servizo de Voluntariado Xuvenil, que se prolonga ata os 30 anos. E, ao fío, Cecilia Vázquez apuntou que dos 1339 pasaportes solicitados, 921 son do Nivel 1; 291 do Nivel 2 e 127 do Camiño de Santiago, unha nova modalidade introducida o curso pasado e que está orientado a achegar información e apoio aos peregrinos da Ruta Xacobea. "En Galicia apostamos pola creación dunha comunidade de mozos e mozas comprometidas, menos indiferentes, máis abertos e que saiban dende pequenos que as ideas sinxelas e as accións, por pequenas sexan, poden contribuír positivamente na sociedade”, declarou a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado durante a súa visita ao centro educativo coruñés.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds