Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(28-02-2017)

A Xunta organiza por primeira vez un campamento xuvenil no Parque Natural do Invernadeiro

Por primeira vez tamén se deseña o programa ‘Dinamizando o medio ambiente’, eventos dun día de duración que terán lugar nos parques naturais entre abril e outubro para persoas de entre 16 a 30 anos.

Cada parque natural de Galicia acollerá un campo de traballo e nesta edición dous, o do Complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán e Baixa Limia-Serra do Xurés, serán internacionais.

Beatriz Mato salienta que o coidado do medio ambiente é unha tarefa na que dende os mozos ata as persoas máis experimentadas deben colaborar.

José Manuel Rey Varela destaca que a colaboración entre os dous departamentos autonómicos en materia de educación medioambiental é fundamental para articular políticas eficaces e que realmente respondan ás expectativas, demandas e inquedanzas que nos trasladan os mozos e mozas.

A Xunta de Galicia organiza por primeira vez un campamento xuvenil no Parque Natural do Invernadeiro. Trátase dunha das novidades que introduce o convenio de colaboración asinado entre as consellerías de Medio Ambiente e Política Social para a posta en marcha de actividades para a organización e o desenvolvemento conxunto de actividades de conservación, protección e fomento do patrimonio natural, cun investimento de 80.000, cofinanciados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Este campamento estará dirixido a mozos e mozas de entre 15 e 17 anos e celebrarase no mes de xullo no marco do programa Acción de Verán da Consellería de Política Social.

Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente, os participantes terán a oportunidade de coñecer e vivir o día a día nun espazo excepcional, ao tempo que se potencian os valores polo coidado do medio ambiente. Unha tarefa- que segundo manifestou Mato Otero- “é interxeneracional, xa que dende os máis mozos ata as persoas máis experimentadas deben colaborar”.

O convenio asinado esta mañá é o marco organizativo e legal para o desenvolvemento das accións que ambos departamentos levan realizando ao longo destes anos, como os campos de traballo ou os programas de voluntariado e que nesta edicións se amplía coa organización do campamento xuvenil e tamén do programa Dinamizando o Medio Ambiente. A previsión é chegar a un participación de 600 persoas no conxunto de programas recollidos neste convenio de colaboración.

Grazas ao equipo de dinamizadores que traballan en colaboración cos diferentes concellos de Galicia -especialmente cos Espazos Xoves-, no deseño de eventos dun día de duración que se desenvolven nos parques naturais, como a realización de rutas e actividades de educación ambiental e lecer educativo. O período no que se levarán a cabo serán entre abril e outubro durante os fins de semana e e están dirixidas especialmente a persoas de entre 16 e 30 anos. Na actualidade, estase a pechar o programa definitivo para que poidan participar ao longo destes meses unhas 300 persoas.

O convenio asinado esta mañá tamén fixa a celebración de campos de traballo nos seis parques naturais de Galicia, sendo dous (Complexo dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán e Baixa Limia-Serra do Xurés), de carácter internacional, polo que poden participar xente de entre 18 e 30 anos de toda a Unión Europea. Os outros catro serán nas Fragas do Eume, Monte Aloia, O Invernadoiro e Serra da Enciña da Lastra.

Asemade, a Xunta de Galicia ten previsto organizar un total de 28 campos de traballo na comunidade nos meses de verán distribuídos por municipios das catro provincias galegas. Nestes campos ofertaranse un total de 598 prazas a voluntarios e voluntarias galegos, doutras Comunidades Autónomas e do estranxeiro; que levarán a cabo un amplo abano de actividades e obradoiros como a limpeza de maleza e a prevención de incendios; a recollida de lixo; a conservación de especies autóctonas; a recuperación de roteiros, así como de muíños e outros elementos da arquitectura popular; e a identificación da flora e da fauna, entre outras tarefas. “Labores que ademais da incidencia directa e positiva no entorno, axudan aos participantes a adquirir valores e actitudes responsables co medio natural”, apuntou Rey Varela.

O conselleiro de Política Social sinalou que estes programas “dan visibilidade ao compromiso da mocidade coa protección e coidado do medio ambiente”, e avogou por reforzar as iniciativas de voluntariado porque “o seu exercicio leva consigo o fomento de actitudes e comportamentos orientados a crear unha sociedade mellor en tódolos ámbitos, así como tamén máis inclusiva e solidaria”.

Nese sentido, Beatriz Mato destacou a celebración dun programa de voluntariado en cada parque, aberto á participación dun abano máis amplo da sociedade e cunha duración máis variable, xa que se organizan quendas semanais ou fins de semana durante os meses de xullo a setembro.

Por último, a conselleira de Medio Ambiente destacou que as experiencias activas de goce e achegamento ao seu coñecemento e as actividades prácticas realizadas sobre o terreo son a mellor vía para o conxunto da sociedade tomen conciencia da importancia ecolóxica, ambiental e económica dos nosos parques naturais.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds