Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(18-02-2017)

Rey Varela salienta o papel dos ‘correspondentes’ na difusión eficaz da información xuvenil entre o estudantado de Galicia

Os ‘correspondentes’ responsabilízanse de recoller a información en materia de xuventude enviada dende a Administración autonómica, a Oficina Municipal de Información Xuvenil da súa localidade e do propio centro educativo para difundila entre o alumnado e grupos de amigos, así como a través das redes sociais

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, visitou esta mañá no albergue de Gandarío aos participantes no encontro autonómico do programa ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’ que se celebra esta fin de semana e no que se dan cita aproximadamente 200 rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 14 e os 18 anos principalmente. Trátase dunha iniciativa da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado que permite á Xunta de Galicia contar cunha rede de mozos e mozas que de maneira voluntaria se encargan de informar aos seus compañeiros de aula, amizades e coñecidos sobre convocatorias, recursos e programas xuvenís que poidan ser do seu interese.

Rey Varela agradeceu o traballo destes voluntarios que actúan como ‘mediadores’ de información xuvenil nos centros educativos, e resaltou que o seu papel é fundamental porque “permite á Administración autonómica ter unha rede de información en materia de Xuventude verdadeiramente operativa e máis eficaz ao transmitirse a información de estudante a estudante, o que redunda nunha mellor acollida da mesma”. O responsable da área social do goberno galego recordou que “’Correspondentes Xuvenís 3.0’ é un programa de educación non formal a través do que “fomentamos a participación xuvenil e potenciamos entre os voluntarios as habilidades comunicativas e sociais, a asunción de responsabilidades e a adquisición de valores como a solidariedade, o traballo en grupo e o liderado, así como tamén a formación na xestión do manexo da información”.

Durante esta fin de semana o alumnado de segundo ciclo de secundaria, bacharelato e de ciclos medios e superiores de formación profesional conviven nas instalacións de Gandarío desenvolvendo un amplo e variado programa con obradoiros sobre enerxías renovables, de observación de estrelas e de orientación; actividades de conversación ambiental e saídas a contornos naturais protexidos como a Costa de Dexo e as Fragas do Eume. Así mesmo, os ‘correspondentes’ recibe información dos programas e actividades da Xunta de Galicia e das novidades para o vindeiro curso; e recóllense as súas opinións, inquedanzas e necesidades co fin de mellorar o programa.

Rede de ‘mediadores’

O programa ‘Correspondentes Xuvenís 3.0’ conta na actualidade cun total de 499 mozos e mozas colabores que estudan en 86 centros das catro provincias galegas. O número de participantes nesta iniciativa foi incrementándose cada ano. Así, no curso 2013/2014 foron 26 os centros participantes e 198 os correspondentes; no 2014/2015 pasaron a ser 78 os centros, con 383 correspondentes; e no curso pasado subiu de novo a participación con 83 centros e 482 correspondentes. Ademais, a Xunta de Galicia está a estender este programa ás universidades , coa finalidade de achegar a información aos campus e facultades de Galicia.

Os ‘correspondentes xuvenís’ responsabilízanse de recoller a información en materia de xuventude enviada dende a Dirección Xeral, a Oficina Municipal de Información Xuvenil da súa localidade e do propio centro educativo para difundila entre o alumnado, os seus grupos de amigos e tamén a través das redes sociais. Para iso, contan co apoio do persoal do centro coordinador de información xuvenil e co profesorado participante no programa..

Os rapaces e rapazas participantes reciben gratuitamente formación en materia de información xuvenil, así como o carné xove, o carné internacional e o carné de alberguista durante o ano escolar en que están como ‘correspondentes’. Ademais, teñen preferencia nalgúns dos programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e recoñéceselles, mediante un certificado expedido pola Administración autonómica que acredita as competencias adquiridas dentro da educación non formal.

A Dirección Xeral celebra cada no un encontro de ‘correspondentes xuvenís 3.0’. Nos catro anos de vixencia do programa xa se realizaron catro, tres en Gandarío e un en Manzaneda.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds