Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(31-01-2017)

Impulsamos o labor de voluntariado que realizan 26 entidades de Lugo

As axudas distribuídas suman máis de 55.000 euros e están destinadas, entre outros obxectivos, a fomentar a implicación dos mozos neste eido.

As persoas participantes nos distintos programas poderán obter a certificación oficial coa que acreditar formalmente as súas experiencias de voluntariado.

A Consellería de Política Social concedeu axudas a vinte e seis colectivos e entidades da provincia de Lugo para impulsar o seu labor de voluntariado. En total as axudas concedidas, que se publican hoxe no Diario Oficial de Galicia, suman 55.086,67 euros, explicou hoxe o delegado territorial, José Manuel Balseiro.

As achegas económicas desenvólvense ao abeiro das ordes polas que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e para entidades locais enmarcadas no programa Servizo de voluntariado xuvenil, e tamén as subvencións a entidades de acción voluntaria de carácter privado para o fomento e a realización de actividade de voluntariado.

Apoio aos proxectos de voluntariado

Ao respecto da primeira orde, recibiron subvencións a Asociación Síndrome de Down de Lugo, a Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais Alume, a Asociación Aliad-Ultreia, e a Asociación Xuvenil e Cultural Ateibo, así como os concellos de Vilalba, Guitiriz, Cervo, Ribas de Sil, Viveiro, Xove, Rábade, Ourol e Alfoz.

As axudas tiveron por obxectivo promover once proxectos de acción voluntaria propostos polas entidades citadas. En total, foron un total de sesenta e un, o número de persoas voluntarias implicadas, con idades comprendidas entre os dezaseis e os trinta anos.

As accións se desenvolveron prioritariamente en torno á recuperación da cultura, arte e tradicións populares galegas, o Camiño de Santiago, traballo con colectivos en situación de risco, actividades xuvenís, ambientais ou relacionadas coa igualdade de xénero, entre outras.

Cómpre destacar que neste ano se recuperou, logo de tres anos sen convocatoria, a segunda das ordes mencionada anteriormente, que permitiu a cento setenta e sete persoas voluntarias a través de trece entidades de acción voluntaria da provincia de Lugo o desenvolvemento de programas de axuda ao fomento do voluntariado, con especial incidencia nas áreas de sensibilización social, formación do persoal, e coordinación mediante o impulso do traballo en rede das diferentes entidades.


Certificado de experiencias voluntarias

Por último, as persoas voluntarias participantes poderán, de acordo co artigo 17 da Orde do 14 de marzo de 2014 pola que se regula o Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia, solicitar á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado a expedición do certificado de experiencias voluntarias que reflectirán as accións voluntarias desenvolvidas por estas con carácter global, nas entidades de acción voluntaria coas que colaboraron e en todos os programas de voluntariado desenvolvidos pola Administración autonómica en que teñan participado.

A certificación oficial das experiencias voluntarias vai permitir ás e aos voluntarios acreditar formalmente o desenvolvemento ou consolidación de habilidades, destrezas, coñecementos, actitudes ou competencias de grande valor non só para a mesma entidade de acción voluntaria na que colaboran ou para a sociedade en xeral, senón tamén para o mundo laboral, no que cada vez son máis as empresas que valoran estas experiencias.

Balseiro considera de máximo interese colaborar na promoción de actividades no ámbito do voluntariado, actuacións que necesariamente deberán influír no desenvolvemento comunitario.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds