Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(30-01-2017)

Cecilia Vázquez participa na presentación do proxecto “Pedaladas solidarias” en favor dos refuxiados

Os participantes na actividade realizarán virtualmente o percorrido realizado por Aylan Kurdi, o neno falecido na costa turca procedente de Siria.
Para elo, contarán con 6 bicicletas estáticas doadas pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Os cartos recadados da participación na actividade destinaranse á ONG Proactive Open Arms, que traballa en favor dos refuxiados.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, acudiu hoxe ao acto de presentación da actividade “Pedaladas solidarias” celebrado no IES David Buján.

Trátase dunha iniciativa que se desenvolverá entre o 30 de xaneiro e o 3 de febreiro, grazas á cal, a comunidade educativa deste centro terá á súa disposición un total de 6 bicicletas estáticas coas que reproducirán virtualmente o percorrido de 1.200 quilómetros que fixo Aylan Kurdi –o neno falecido en setembro de 2015 cando intentaba chegar á illa grega de Kos- desde Kobane (Siria) ata Bodrum (Turquía). A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colabora con esta iniciativa doando ditas bicicletas. As persoas interesadas en participar nesta actividade solidaria poderán pedalear un máximo de 10 quilómetros e recibirán unha tarxeta agasallo dos patrocinadores da actividade. Os cartos recadados da participación na actividade destinaranse á ONG Proactive Open Arms, de axuda aos refuxiados.

O IES David Buján caracterízase polo fomento do traballo cooperativo e da solidariedade entre o seu alumnado, uns obxectivos compartidos coa Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado en todos os seus programas. Esta actividade é unha mostra máis que ao longo do ano desenvolven e con elas buscan dar visibilidade aos conflitos sociais que están máis aló da nosa contorna e servir de referente á sociedade na importancia do traballo conxunto e na necesaria participación en causas solidarias.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds