Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(25-01-2017)

Política Social ratifica o seu compromiso coas persoas que sofren de esclerose múltiple e estudará novas vías de colaboración

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo na mañá de hoxe un encontro con responsables da sede da Asociación Compostelana de Esclerosis Múltiple (ACEM). Unha reunión na que o responsable da área social da Xunta de Galicia ratificou o compromiso do Goberno Autonómico coas persoas afectadas por esta enfermidade e valorou cos responsables de ACEM o establecemento de novas vías de colaboración na busca de mellores coidados para os pacientes.

Nas súas verbas, o titular de Política Social asegurou que unha das prioridades da Consellería é “traballar para acadar a integración social, laboral, profesional e humana daquelas persoas que sofren Esclerose Múltiple”. Nesta liña destacou o apoio a entidades do sector como ACEM que conta con máis de 150 socios e que promociona todo tipo de accións destinadas a mellorar a situación de persoas afectadas por esta doenza e enfermidades semellantes.

Durante o encontro, a entidade presentou ao conselleiro o seu proxecto para o centro de rehabilitación integral, que presta servizos rehabilitadores integrais a través dunha atención especializada multidisciplinar coa que se pretende prolongar o máximo posible a autonomía persoal das persoas con Esclerose Múltiple, Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) o outras enfermidades neurodexenerativas afíns. Rey Varela amosou o seu interese por este servizo e comprometeuse a estudar posibles futuras vías de colaboración coa entidade que redunden no benestar dos afectados por estas doenzas.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds