Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(04-11-2016)

A directora xeral de Xuventude clausura o ciclo de talleres conmemorativos do 20 aniversario do Servizo Voluntario Europeo

No marco deste evento celebráronse diversos talleres en Santiago, Vigo, Lugo, A Coruña e Ourense e nel participaron técnicos de xuventude, responsables e membros de asociacións xuvenís, mozos e mozas non asociados/as, informadores xuvenís e a interesados/as en xeral.

O Servizo Voluntario Europeo é unha acción incluída no programa europeo “Erasmus+: Xuventude en Acción” e ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas.

En Galicia teñen a acreditación para participar en proxectos de Servizo Voluntario Europeo 17 concellos e 54 entidades sen ánimo de lucro e nas dúas primeiras quendas do 2016 foron aprobados na comunidade un total de 11 proxectos.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, clausurou hoxe no Espazo Xove de Ourense o ciclo de talleres de asesoramento e difusión do Servizo Voluntario Europeo “20 anos construíndo SVE”.

Trátase dunha iniciativa que organizada pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, en colaboración coa Axencia Nacional do programa “Erasmus+: Xuventude en Acción”, con motivo da celebración do 20 aniversario do Servizo Voluntario Europeo (SVE). Seguindo unha metodoloxía activa e participativa pretendeuse informar, promocionar e difundir o SVE en particular e o programa “Erasmus+: Xuventude en Acción” en xeral, informar e asesorar aos mozos/as e responsables de entidades sobre o programa, difundir os resultados e boas prácticas dos proxectos realizados e coñecer as experiencias de mozos e mozas participantes no SVE.

Os talleres descorreron en cinco xornadas en horario de 10:00 a 13:00 horas do 25 ao 28 de outubro en Santiago, Vigo, Lugo e A Coruña, respectivamente, e o 4 de novembro en Ourense.

Esta actividade tivo como destinatarios a técnicos de xuventude, responsables e membros de asociacións xuvenís, mozos e mozas non asociados/as, informadores xuvenís e a interesados/as en xeral no programa “Erasmus: Xuventude en Acción”.

O Servizo Voluntario Europeo é unha acción incluída no programa europeo “Erasmus+: Xuventude en Acción”, dentro da liña estratéxica de mobilidade dos mozos e mozas. Creado no 1996 pola Comisión Europea como programa piloto, permitiu a máis de 100.000 mozos e mozas realizar o seu proxecto de voluntariado, tanto en Europa como fóra dela.

Cecilia Vázquez sinalou que “o Servizo Voluntario Europeo ten como obxectivo principal promover a participación cidadá, desenvolver a solidariedade entre os máis novos, promover a relación con culturas diferentes e facilitar a aprendizaxe ou perfeccionamento doutros idiomas”.

Esta acción do programa “Erasmus+: Xuventude en Acción” ofrece aos mozos e mozas de entre 17 e 30 anos a oportunidade de contribuír nas tarefas diarias das organizacións que traballan no ámbito da xuventude, do desenvolvemento persoal e socioeducativo dos mozos e mozas, da implicación civil, da asistencia social, da inclusión dos desfavorecidos, do medio ambiente ou dos programas de educación non formal, entre outros.

Neste ano 2016 conmemóranse os 20 anos do Servizo Voluntario Europeo e para a celebración do seu vixésimo aniversario o programa lanzou a campaña <> co obxectivo de fomentar o acceso de todos os mozos e mozas ao Servizo Voluntario Europeo, atraer a novas entidades cara o programa Erasmus+ e invitar ás entidades acreditadas actualmente a que ofrezan máis oportunidades de voluntariado. Con motivo deste vixésimo aniversario realizaranse diversos eventos e actividades en toda Europa.

Vázquez recordou que o período de duración do Servizo Voluntario Europeo será de entre 2 e 12 meses. Non obstante, o programa prevé unha duración de entre 2 semanas e 12 meses no caso de mozos e mozas con menos oportunidades (dificultades xeográficas, educativas, sociais, familiares,...) ou con algún grao de discapacidade.

Este voluntariado realízase normalmente de forma individual. Así mesmo, o programa recolle a posibilidade de realización dun SVE de grupo no que participen polo menos 10 voluntarios e voluntarias, e tamén eventos a gran escala europea cun mínimo de 30.

Ao abeiro do novo programa Erasmus+, poden participar nos proxectos non só entidades sen ánimo de lucro e organismos públicos locais, senón tamén os organismos públicos rexionais e nacionais e as empresas con responsabilidade social cooperativa.

Cecilia Vázquez manifestou que actualmente en Galicia teñen a acreditación para participar en proxectos de Servizo Voluntario Europeo 17 concellos e 54 entidades sen ánimo de lucro e que nas dúas primeiras quendas do 2016 foron aprobados en Galicia un total de 11 proxectos cun orzamento de 151.669,81 euros, nos que participaron 26 persoas.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds