
A aplicación do voluntariado ao eido da normalización lingüística e da cultura centrou a mesa redonda coa que hoxe deu comezo na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela a segunda edición do ciclo conversascon:, que organiza a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade. Os coordinadores dos voluntariados lingüísticos que están a funcionar nestes momentos no Estado (en Catalunya, Euskadi, País Valencià e Galiza) explicaron o funcionamento dos seus diferentes programas, que teñen un obxectivo común: crear novos espazos para a lingua e facilitar a integración na cultura propia aos que acaban de chegar.
O funcionamento nos catro casos é moi semellante, salvo pequenas diferenzas derivadas das características propias de cada comunidade lingüística: fórmanse parellas ou grupos, nos que a persoa voluntaria sabe falar na lingua do país e úsaa habitualmente e axuda a outra ou outras que queren aprender a falala ou coller soltura no seu uso espontáneo. O campo de intercambio lingüístico e cultural é a vida cotiá ou as actividades de ocio.
Vicent Moreno, de Escola Valenciana (País Valencià), Iker Martínez, de Topagunea (Euskadi), Teresa Casals, da Plataforma per la Llengua (Catalunya) e Raquel González, da Mesa pola Normalización Lingüística, foron os encargados de analizar os diferentes retos aos que se enfrontan nestes intres as linguas cooficiais no Estado español e as achegas que se están a realizar desde os programas postos en marcha polas asociacións.
Os encargados de presentar o acto foron o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, e o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Carlos Callón, responsábeis das dúas entidades que colaboraron para a posta en funcionamento do Voluntariado de Activación Lingüística en Galiza (VAL), que deu os seus primeiros pasos a finais do 2006.
Recordo a Castelao
Carlos Callón recordou a Castelao, de quen hoxe se celebra o aniversario do seu nacemento, para salientar a importancia de incorporar novos falantes á lingua. "Castelao é unha figura fundamental na historia de Galiza pero ademais un neofalante. Cómpre recordar que Castelao, cando chega a Galiza despois de pasar a súa infancia na Arxentina falaba en castelán, e só foi aos 17 anos, cando tomou consciencia da situación da lingua, cando decide ser falante de galego". Para Callón, "Castelao é un bo exemplo de como a lingua galega é u elemento de unión aberto ás persoas que chegan á Galiza, sexan estudantes de intercambio ou novos galegos e galegas".
Despois duns meses nos que o programa se desenvolveu de xeito experimental no Concello de Santiago de Compostela, o Voluntariado de Activación Lingüística ampliouse ao veciño Concello de Ames, un municipio no que residen un importante número de persoas procedentes de fóra de Galiza e no que, desde hai dous anos, se están a realizar cursos de galego para inmigrantes cunha alta demanda. Nas vindeiras semanas, ampliarase a máis municipios galegos.
Ademais de para a sociedade en xeral, o VAL está a realizar campañas específicas para estudantes universitarios. Durante o presente curso académico púxose en marcha na Universidade de Santiago de Compostela. Así, os alumnos de programas de intercambio da USC coñeceron a lingua e a cultura do país grazas a estudantes galegos, que tamén lles serviron de guía na súa chegada aos campus de Santiago e Lugo. Nos vindeiros meses, vaise estender a todas as universidades galegas.
Reto
Precisamente a chegada de estudantes estranxeiros é un dos retos sinalados por Teresa Casals, responsábel do voluntariado catalán, quen indicou que a Catalunya, onde o catalán ten unha presenza nas aulas dun 60 por cento, chegan arredor de dez mil alumnos de fóra cada curso. "Se ao incorporarse piden as clases en castelán, a lingua morre, e isto está xerando discordia nas propias universidades, pero un falante dunha lingua romance pode entender un discurso universitario con tan só vinte horas de aprendizaxe", sinalou ao mencionar un estudio realizado neste campo. Para iso, as universidades catalás están pondo múltiples ferramentas á disposición destes alumnos, desde páxinas web, guías e o propio voluntariado.
Pola súa banda, o representante valenciano, Vincent Moreno, sinalou que un dos obxectivos do voluntariado é "dar unha visión positiva da lingua, xa que moitas das persoas que se achegan ao valenciano por primeira vez fano por obriga, e aquí o que queremos é que lle collan afecto e máis aumentar o seu uso social". "Nós o que queremos é que vexan o valenciano como un agasallo, como unha lingua de acollida, xa que o uso social é o que fai que unha lingua estea viva", detallou.
Iker Martínez, de Topagunea, sinalou que Mintzapraktika, o programa vasco, tenta principalmente crear redes de uso do éuscaro, xa que moitas veces aquelas persoas que coñecen esta lingua non a poñen en práctica porque non contan no seu círculo social con outras persoas que a falen.
A mesa redonda sobre o voluntariado lingüístico repetirase mañá na Coruña, na facultade de Filoloxía, a partir das doce e media da mañá.
Mesa pola Normalización Lingüística >>
Escola Valenciana >>
Topagunea >>
Plataforma per la Llengua >>