Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(14-10-2016)

A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado apoia a aprendizaxe-servizo como unión entre éxito educativo e compromiso social

A directora xeral, Cecilia Vázquez, acudiu á inauguración en Santiago do VII Congreso Nacional e II Internacional da materia .

Trátase dunha metodoloxía educativa que combina o currículum académico co servizo comunitario, frecuentemente vinculada aos mozos e mozas, e empregada como vía para enriquecer a experiencia formativa.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, asistiu esta mañá á inauguración do VII Congreso Nacional e II Internacional de Aprendizaxe- Servizo Universitario, un evento organizado polo grupo de investigación ESCULCA da Universidade de Santiago de Compostela, que se celebrará ao longo das vindeiras xornadas na Facultade de Ciencias da Educación da USC e congregará a docentes, investigadores, alumnado e técnicos de entidades socioeducativas.

A aprendizaxe-servizo é unha metodoloxía educativa que combina o currículum académico co servizo comunitario, frecuentemente vinculada aos mozos e mozas, e empregada como vía para enriquecer a experiencia educativa. É un método para unir o compromiso social coa aprendizaxe de coñecementos, habilidades, actitudes e valores: os alumnos e alumnas aprenden a ser competente para ser útil a outros. Trátase dunha ferramenta educativa e dunha ferramenta social, e a sociedade complexa actual necesita máis que nunca a adquisición de valores, habilidades e actitudes.

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado leva anos traballando no ámbito da educación non formal fomentando a posta en marcha de iniciativas e proxectos por parte dos mozos e mozas que inciden así mesmo na adquisición destas habilidades e na consecución dunha mocidade comprometida a través de programas como o Voluntariado Xuvenil ou Iniciativa Xove.

As experiencias de aprendizaxe-servizo e de educación non formal contribúen ao desenvolvemento de competencias básicas nos mozos e mozas como traballar en equipo, comunicarse eficazmente, asumir responsabilidades, desenvolver a iniciativa persoal e aprender a organizar e xestionar recursos, aspectos cada vez teñen unha maior consideración e importancia á hora de buscar un emprego.


A directora xeral amosou o apoio da Consellería de Política Social á celebración do congreso e agradeceu ao grupo de investigación ESCULCA a organización do mesmo, “o que sen dúbida contribuirá a mellorar a calidade de vida dos galegos e galegas”, concluíu Cecilia Vázquez.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds