Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(17-04-2015)

Publicada no DOG a orde de axudas para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil 2015

ORDE do 7 de abril de 2015 pola que se regulan as bases das subvencións para entidades de acción voluntaria e entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

No día de hoxe publicouse no DOGA a ORDE do 7 de abril de 2015 pola que se regulan as bases que rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil e se procede á súa convocatoria para o ano 2015.

PRAZO DE PRESENTACIÓN: Un mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Foi publicada o 17/04/2015 (vai de data a data) e o prazo remata o luns día 18/05/2015, por ser o día anterior inhábil.
PRAZO DE RESOLUCIÓN: Cinco meses.
SENTIDO DO SILENCIO ADMINISTRATIVO: Negativo.

OBXECTO:
Establecer as bases reguladoras polas que se rexerán as subvencións dirixidas a entidades de acción voluntaria e a entidades locais enmarcadas no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, dende o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015, e proceder á súa convocatoria para o ano 2015. O dito programa consiste en incorporar ás entidades de acción voluntaria e ás entidades locais inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia mozos/as galegos/as para a súa colaboración como voluntarias/os na realización dos proxectos de voluntariado que se presenten ao abeiro desta convocatoria e dentro das áreas a que se refire o parágrafo 3 do artigo 1 desta Orde.

Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Serán subvencionables os proxectos de acción voluntaria presentados por entidades de acción voluntaria e entidades locais sempre que a dita acción voluntaria sexa desenvolvida por mozos/as de idades comprendidas entre os 18 e 30 anos, ou de 16 a 18 anos con autorización do pai/nai ou titor/a legal, e que se realicen no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, prioritaria pero non exclusivamente, nalgunha das seguintes áreas:
• Actividades relacionadas co Camiño de Santiago.
• Actividades de recuperación da cultura/arte/tradicións populares galegas.
• Actividades con colectivos en situación de risco.
• Actividades xuvenís.
• Actividades ambientais.
• Actividades relacionadas coa igualdade de xénero.
• Posta en marcha de programas de voluntariado no ámbito familiar por parte das entidades

Os proxectos de acción voluntaria subvencionables deberán ter unha duración comprendida entre 15 e 60 días. As xornadas diarias serán de 6 horas como mínimo e, se son inferiores, sumaranse as horas diarias ata completar xornadas de 6.

Os proxectos de acción voluntaria deberán contar cunha descrición exhaustiva, así como do número de persoas voluntarias de que dispón para a súa realización e a participación destas no desenvolvemento dos proxectos.

Non se subvencionarán máis de oito persoas voluntarias por proxecto, que deberán manter a súa acción voluntaria durante toda a súa duración. Ao finalizaren os proxectos, as persoas voluntarias que participaron neles obterán da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado un certificado de educación non formal acreditativo da acción voluntaria desenvolvida.

As axudas poderán ser solicitadas por máis dunha entidade local conxuntamente baixo calquera fórmula (agrupación, asociación, mancomunidade ou calquera outra similar). Tamén poderán solicitar axudas as entidades locais que sexan resultado dunha fusión doutras anteriores. Neste caso, poderanse subvencionar ata un máximo de 20 persoas voluntarias.

No caso de que a solicitude a presentasen varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

Se, por causas xustificadas, algunha das persoas voluntarias tivese que abandonar o proxecto subvencionable antes de que remate, terá que ser substituída por outra persoa voluntaria polo tempo restante, pero cada unha delas terá dereito ao aboamento dos gastos correspondentes polo tempo dedicado ao proxecto subvencionable de acordo co número 4 do artigo 5 desta Orde.

REQUISITOS:

Para poder ser beneficiarias/os destas axudas serán condicións imprescindibles:


- Que as entidades de acción voluntaria e as entidades locais estean legalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Non obstante, tamén poderán solicitar axudas as entidades non inscritas que, na data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, teñan presentada solicitude de inscrición na sección de entidades do Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

- Ter sede permanente ou domicilio social en Galicia e desenvolver os programas subvencionables na Comunidade Autónoma galega a través de voluntarios ou voluntarias.

- Ter debidamente contratados todos os seguros de responsabilidade civil e de accidentes de todas as persoas voluntarias que participen no proxecto presentado, durante todo o tempo de execución deste.

As entidades locais con personalidade xurídica propia a que se refire o título IV da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, precisan de inscrición como tal no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia. En caso de agrupacións de municipios, todos e cada un deles deberán estar inscritos no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia para poder concorrer a esta convocatoria de subvencións.

Polo contrario, non poderán solicitar axudas aquelas entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias previstas no artigo 13, números 2 e 3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán manter os requisitos esixidos durante todo o período de realización do programa subvencionado.

As persoas voluntarias que colaboren nos proxectos subvencionables non poden ser as mesmas que xa concorreron á mesma convocatoria de subvencións en anos anteriores.

DOCUMENTACIÓN PRECISA:

Solicitude normalizada segundo o anexo I, acompañada da seguinte documentación:

a) Copia do DNI do representante legal da entidade, no caso de que este non autorice expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao sistema de verificación de datos de identidade.
Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención

b) Copia do NIF da entidade.

c) Proxecto de actividades. Admítese un só proxecto por entidade. O proxecto irá acompañado dun calendario horario de execución e dunha relación nominal de todas as persoas voluntarias con que se pretende executar este, así como dos correspondentes compromisos de colaboración das persoas voluntarias coas entidades.

d) No caso de concellos e mancomunidades de municipios, certificación do secretario sobre a existencia de crédito suficiente e adecuado para facer fronte ao financiamento que debe asumir, se é o caso, así como certificación do secretario de ter remitido ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio da entidade local.

e) A presentación da solicitude de subvención pola entidade interesada comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A entidade solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá achegar coa solicitude a certificación de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

No caso de que algún dos documentos relacionados nas letras a) e b) xa fose presentado na Administración, cando non transcorresen máis de 5 anos desde a finalización do procedemento a que corresponda, quedará este exento de presentación, sempre que así se faga constar xunto co expediente para o que foi presentado.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,https://sede.xunta.es.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

No prazo de presentación de solicitudes, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

BENEFICIARIOS:

As entidades de acción voluntaria e as entidades locais que realicen proxectos de voluntariado enmarcados no programa Servizo de Voluntariado Xuvenil, desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2015.

No caso de que a solicitude a presentasen varias entidades locais conxuntamente, os ditos concellos non poderán presentar solicitude de subvención a título individual para o mesmo ou distinto proxecto.

Son obrigas das entidades beneficiarias das axudas:

a) Cumprir a totalidade do proxecto de voluntariado que fundamenta a concesión da subvención.
b)Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións que determinaron a concesión da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinou a concesión da subvención.
c)Estar sometidos ás actuacións de comprobación que poida efectuar o órgano concedente, así como calquera outra actuación que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios.
d)Comunicar ao órgano concedente a solicitude e/ou a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
e)Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados co fin de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.
f)Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
g)Dar a axeitada publicidade do carácter público do financiamento dos proxectos. Así mesmo, facer constar na publicidade e difusión que se xere, e en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen, que as actividades foron subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.
h)Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos do artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As entidades deberán comunicar por escrito certificado, no prazo de 20 días antes da súa realización, calquera actividade coa publicidade escrita, á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

CONCEPTOS SUBVENCIONABLES:

1) Custo dos voluntarios (máximo 6€/voluntario/día) mediante pago bancario nominal á persoa voluntaria:
a) Mantenza.
b) Desprazamentos.
2) Gastos correntes da entidade derivados das actividades de voluntariado (4€/voluntario/día) e poderán corresponder ao seguinte:
a) Seguro das persoas voluntarias.
- Seguro de Accidentes.
- Seguro de responsabilidade civil.
b) Contratación laboral de persoal técnico ou persoal experto.
c) Gastos do desenvolvemento das actividades.
- Material funxible non inventariable.
- Servizos de comunicación (telefónicos, postais ou telegráficos).

ORGANO CONVOCANTE:

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR DIRECCIÓN XERAL DE XUVENTUDE E VOLUNTARIADO SUBDIRECCIÓN XERAL DE VOLUNTARIADO E PARTICIPACIÓN
San Lázaro, s/n 15781 SANTIAGO DE COMPOSTELA
Teléfono: 981957916 Fax: 981957110

DOG Nº 72 Venres, 17 de abril de 2015

Modelo de solicitude



Modelo de descrición dun proxecto


Modelo de proxecto de voluntariado

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds