Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(04-02-2015)

Díptico

A Xunta pon en marcha un proxecto de voluntariado hospitalario no que participan xa máis de 40 asociacións

A participación nesta iniciativa, denominada Gold de Voluntariado, está aberta a calquera persoa que desexe axudar aos demais.

O seu obxectivo é mellorar a calidade de vida dos lucenses, especialmente dos enfermos ingresados nos distintos hospitais públicos.

Grazas a este programa xa se levaron a cabo numerosas actividades no ámbito da EOXI de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, destinadas a pacientes ingresados.

As conselleiras de Sanidade, Rocío Mosquera, e de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitaron hoxe o Hospital Universitario Lucus Augusti para presentar o Plan de Voluntariado deste centro sanitario do Servizo Galego de Saúde. No ano 2014 púxose en marcha o proxecto Gold de Voluntariado no ámbito da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) do Sergas na provincia de Lugo, coa finalidade de ofrecer á sociedade un espazo a través do que podan manifestar a súa sensibilidade e compromiso cos demais e, especialmente, cos enfermos ingresados nos distintos hospitais públicos e, á vez, mellorar a calidade de vida dos usuarios do sistema de saúde.

Este proxecto nace dentro do Plan de Humanización que o Sergas está a levar a cabo na provincia. Trátase dunha actuación solidaria e participativa que xurde para ofrecer apoio e compañía a todos os lucenses que, por distintas razóns, precisen apoio, orientación ou compañía.

Como parte do Plan Galego de Acción Voluntaria, o proxecto leva a cabo actividades con outras entidades prestadoras de voluntariado que favorezan a participación da cidadanía no ámbito da saúde, e impulsa novas experiencias solidarias e axendas de voluntariado promovidas dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, coa que colabora activamente.

Calquera persoa que desexe axudar aos demais, comprometerse coa sociedade ou colaborar na mellora da calidade de vida dos nosos conxéneres pode formar parte do proxecto Gold de Voluntariado EOXI de Lugo, Cervo e Monforte. Só se precisa dispor dunhas poucas horas libres á semana.

Mellorar a atención ao paciente

Co desenvolvemento desta iniciativa, a EOXI do Sergas en Lugo quere facilitar ao paciente e/ou usuario a súa estadía hospitalaria, no caso de estar ingresado, ou mellorar a súa calidade de vida, axudándolle dende calquera centro do Sergas na provincia. Ademais, desenvolveranse de xeito específico accións de voluntariado destinadas á atención de pacientes con dificultades de autonomía ou autocoidados.

As actividades desenvolvidas polos voluntarios participantes neste proxecto contribúen, ademais, a unha mellora da calidade dos servizos sanitarios, prestando aos usuarios unha asistencia integral, eficaz e de calidade, aportando innovación e unha atención humanizada.

Polo tanto, trátase de axudar a que a estadía das persoas no centro hospitalario sexa máis agradable a través de actividades como a musicoterapia, a práctica do xadrez, o cultivo dun horto ecolóxico, a elaboración de prendas para os neonatos ou o fomento da lectura a través de accións de bookcrossing. Para facer realidade este programa desenvolvéronse dúas actividades formativas nas que se matricularon máis de 900 voluntarios e aprobaron case 450.

Para potenciar este proxecto, a EOXI está a traballar na posta en marcha dunha Comisión de Voluntariado, formada por traballadores sociais, psicólogo clínico, persoal de enfermería e técnicos. Todos eles encárganse de canalizar as accións de voluntariado que se presenten, de coordinalas, e de establecer programas de formación continua para os voluntarios, como vía de mellora e motivación.

A EOXI programará cursos de formación en temas de voluntariado, ofrecerá respaldo, apoio e asesoramento permanente aos profesionais e voluntarios implicados no proxecto, e tamén lles facilitará acreditacións persoais como voluntarios mediante carnés específicos. Nestes momentos, a EOXI conta xa con preto de 40 asociacións colaborando activamente no Proxecto Gold de Voluntariado.

Nace o ‘Horto Solidario’

Da man de Proxecto Gold de Voluntariado, a EOXI, en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar, e coa cafetería Apetéceme do HULA, vai poñer en marcha o proxecto Horto Solidario, unha iniciativa que verá a luz nos vindeiros días.

O Horto Solidario está emprazado no recinto do Hospital Universitario Lucus Augusti, nunha zona lateral do centro, de fácil acceso para todos os participantes. A zona conta con terreo para labrar, un invernadoiro e unha caseta para gardar os apeiros.

A finalidade principal do Horto Solidario é que a colleita que se obteña se destine a persoas sen recursos, é dicir, ao sector de poboación máis necesitado, de forma que se lles garanta o autoabastecemento de verduras e hortalizas e, en consecuencia, fomentar a súa autonomía económica. A selección dos destinatarios e a elección das familias será realizada a través de entidades expertas en temas solidarios, que se encargarán de levar os produtos ao Banco de Alimentos e de distribuílos entre as familias que os precisen.

Sen embargo, dita iniciativa persegue tamén outros obxectivos, como sensibilizar á sociedade de que a súa colaboración é necesaria para axudar a familias necesitadas e fomentar as accións de voluntariado como vía de axuda e compromiso coa sociedade.

No Horto Solidario poden participar profesionais do Sergas na provincia, usuarios do sistema, e todo aquel cidadán que desexe compartir o seu tempo e destinalo a mellorar a calidade de vida doutras persoas. Cada voluntario poderá participar en diversas accións, segundo o seu desexo, dende cultivar o campo, coidar as ferramentas de traballo… ata planificar clases temáticas, etc. Todo elo cunha flexibilidade absoluta, para que cada voluntario poida ter un compromiso e horario axustado ás súas necesidades.

A longo do ano, tanto durante a semana como as fin de semana, os voluntarios serán destinatarios de charlas, obradoiros e outras actividades formativas relacionadas coa agricultura, a rotación de cultivos, as épocas de semente e os produtos de cada unha delas, a preparación do terro, poda e inxertos, compostaxe e abonos orgánicos, etc.

Ademais, está previsto abrir este espazo solidario aos colexios, de forma que dentro do programa de visitas guiadas ao Hospital Universitario Lucus Agusti, tamén se lles mostrará e deixará participar no Horto Solidario, para que os nenos tomen contacto coa natureza e aprendan sobre os produtos da nosa terra. Este proxecto ten, polo tanto, moitas fortalezas, entre as que destacan o reforzo da solidariedade e do voluntariado, a educación en valores medioambientais, a implicación da poboación no mundo da saúde, a adquisición de hábitos alimenticios saudables… ao mesmo tempo que se crea un espazo común, de intercambio social e cultural de experiencias e valores.


Avances no eido do voluntariado

Dende a Consellería de Traballo e Benestar, ademais desta iniciativa desenvolvida grazas a unha colaboración estreita entre este departamento e Sanidade, impúlsanse outros tipos de voluntariado como o social, o de maiores e o ambiental, posto que a acción voluntaria é unha das prioridades do Goberno galego. En Galicia existen na actualidade case 38.000 persoas e 828 entidades inscritas no Rexistro de Acción Voluntaria.

Entre os avances acadados nesta materia, cabe lembrar que se aprobou por unanimidade en 2011 unha nova Lei Galega de Acción Voluntaria que permitiu, de forma pioneira na Comunidade, certificar as actividades de voluntariado, incorporándoas así ao currículum dos voluntarios e voluntarias.

Formulario de inscrición


Descarga asociada

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds