Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(04-10-2013)


Oito centros e 200 alumnos participaron na primeira edición da rede de centros solidarios organizada por Benestar

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, clausurou hoxe este programa que ten como obxectivo potenciar a realización de iniciativas de voluntariado nos centros educativos.

Esta actuación forma parte dunha “estratexia integral”, que inclúe actividades como o Pasaporte solidario no que están a participar 2.000 nenos e nenas de 6 a 12 anos.

Ademais, o Servizo de Voluntariado Xuvenil reforzouse este ano cun incremento do 110 por cento do seu orzamento.

Un total de 200 alumnos, procedentes de oito colexios e institutos de educación secundaria galegos, participaron na primeira edición do programa da Rede de centros solidarios, que organiza a Consellería de Traballo e Benestar.

A titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, clausurou hoxe esta iniciativa que ten como obxectivo potenciar a realización de iniciativas de voluntariado nos centros educativos por parte de mozos e mozas de entre 13 e 18 anos.

Ao respecto, explicou que a acción voluntaria leva aparellada “numerosos beneficios”: o fomento da solidariedade, a tolerancia e o respecto; a sensibilización cos máis vulnerables; a necesidade da participación social; ou o compromiso coa mellora do conxunto da sociedade.

Ao tempo que se melloran estas actitudes, permite establecer vínculos entre as organizacións sociais e os centros educativos, demostrando que os rapaces e rapazas desde a escola e o instituto “son perfectamente capaces de ofrecer un servizo valioso e necesario á sociedade”.

Cada centro desenvolveu unha actividade de elaboración propia, ou ben unha colaboración con algunha das entidades inscritas no Rexistro de acción voluntaria de Galicia.

Todos os participantes recibirán por parte da Dirección Xeral de Xuventude un certificado acreditativo da súa acción. De feito, a obtención dunha acreditación é unha das novidades que recolle a Lei de acción voluntaria de Galicia, que se aprobou por unanimidade en novembro de 2011.

Estratexia integral
Con todo, este programa “non é algo illado”, subliñou Mato, quen precisou que se enmarca nunha “estratexia integral” por parte do Goberno galego para incrementar a participación no voluntariado.

Para conseguilo, facilítase aos mozos e mozas a posibilidade de desenvolver un “itinerario voluntario” completo e continuo, que comeza co Pasaporte Solidario. Esta actividade está dirixida a mozos e mozas de 6 a 12 anos e consiste nun documento que contén propostas de accións solidarias pensadas para os máis novos. Cada un deles irá enchendo o pasaporte con certificados que acrediten o cumprimento desas actividades. Actualmente, están a participar nesta iniciativa máis de 2.000 nenos e nenas de 25 centros.

No seguinte tramo de idade sitúase o programa da rede de centros, do que se clausura hoxe a primeira edición. E, para os máis maiores, o Servizo de Voluntariado Xuvenil: un programa pioneiro que alcanzou en 2013 a súa terceira edición.

Este ano, ademais de renovarse, este servizo foi reforzado cun 110 por cento máis de orzamento que no exercicio anterior, ata chegar aos máis de 440.000 euros. Grazas a isto, os mozos e mozas de Galicia van poder desenvolver máis de 31.000 xornadas de acción voluntaria en 46 concellos e 61 entidades diferentes para, posteriormente, recibir a certificación oficial desta experiencia.

Galería de imaxes

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds