Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(27-01-2012)

A Xunta pon en marcha o Programa de Voluntariado Dixital para apoiar a integración da cidadanía galega na sociedade da información

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar a oferta pública de alfabetización dixital.

O programa articúlase sobre a figura do voluntario dixital, as entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas tecnolóxicas que actuarán como mecenas dixitais.

Unha unidade de coordinación, integrada por profesionais da Administración, porá en contacto as organizacións de voluntariado e aos voluntarios para a realización das iniciativas de inclusión dixital.

As entidades colaboradoras e os voluntarios poderán adherirse ao programa a través da web voluntariadodixital.xunta.es

O voluntario dixital deberá ser maior de 18 anos e ter un coñecemento tecnolóxico de usuario medio.

O programa desenvolverase ao longo de 2012 dividido en dúas convocatorias semestrais, a primeira delas abrirase o 1 de febreiro.

Os obxectivos para finais de ano son acadar o apoio de 200 voluntarios, e de 100 entidades colaboradoras.

Santiago, 27 de xaneiro de 2011.- A Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar pon en marcha o Programa de Voluntariado Dixital para achegar as novas tecnoloxías á unha maior porcentaxe da poboación, favorecendo a inclusión dixital de toda a cidadanía.

A iniciativa suma a solidariedade individual, a responsabilidade social das empresas TIC e o aproveitamento das infraestruturas públicas para incrementar as accións de alfabetización dixital. Por iso contará coa colaboración e compromiso de persoas voluntarias, entidades de acción voluntaria, organismos públicos e privados e empresas que actuarán como mecenas dixitais.

O programa, integrado nunha das liñas estratéxicas de 2014.gal Axenda Dixital de Galicia e no Plan Galego de Acción Voluntaria 2001-2014, foi presentado, esta mañá pola secretaria xeral de Modernización, Mar Pereira, e o director xeral de Xuventude e Voluntariado, Ovidio Rodeiro.

Incrementa a oferta pública de alfabetización dixital

O programa estará aberto a toda cidadanía pero establece como colectivos prioritarios os que presentan mais posibilidades de verse afectados pola fenda dixital. Con esta iniciativa compleméntase ás actuacións que está xa a levar a cabo a Xunta no ámbito da alfabetización dixital coa rede de aulas CeMIT, nas que en 2012 se impartirán 3.000 cursos a 15.000 usuarios. As actividades do Programa de Voluntariado dixital permitirán estender este ano a oferta pública de alfabetización dixital a 3.500 persoas maiores e a oito federación de persoas con discapacidade, que representan o 92% deste colectivo en Galicia, reforzando así as actuacións para reducir a fenda dixital.

Convocatorias semestrais a través da web
Para desenvolver o programa abriranse dúas convocatorias semestrais para que se adhiran os voluntarios, as entidades e empresas que desexen cooperar. A primeira convocatoria terá lugar o 1 de febreiro e a partir desa data as entidades de acción voluntaria e os voluntarios poderán incorporarse ao programa a través da web voluntariadodixital.xunta.es. A adhesión das entidades públicas e privadas e as empresas realizarase a través da sinatura dun convenio.

A unidade de coordinación VolDixital será a encargada de canalizar a oferta de voluntarios e a demanda que realicen as entidades voluntarias ao rexistrarse no portal. VolDixital estará integrada por profesionais da Secretaría Xeral de Modernización e da Dirección Xeral de Voluntariado que, a través da web, porá en contacto as organizacións de voluntariado a e ás persoas voluntarias para a realización das iniciativas de apoio dixital. Ademais impulsará novas actuacións en base á demanda que planteen estas entidades.

Entidades de acción voluntaria
Baixo este epígrafe o programa aglutina as organizacións non gubernamentais e de acción voluntaria que son as participarán directamente na execución do proxecto e deberán estar inscritas no Rexistro e acción voluntaria da Xunta. Para incorporarse ao programa deben rexistrarse como entidade de acción voluntaria na web, e solicitar voluntarios para proxectos do ámbito dixital que xa se está a desenvolver ou outras iniciativa de acción social relacionadas coas TIC que desexen poñer en marcha.

Mecenas dixitas e outras entidades
O programa establece outras dúas figuras que se adherirán ao proxecto a través da sinatura dun convenio: organismos públicos e privados que representan intereses profesionais, académicos, empresariais ou sociais e as empresas privadas do sector TIC que actuarán como mecenas dixitais.

As entidades públicas e privadas converteranse en colaboradoras fundamentais do programa realizando actividades de difusión entre os seus colectivos de actuación, cedendo o uso de espazos TIC e participando na selección e formación de voluntarios.

As empresas TIC actuarán como mecenas dixitiais contribuíndo economicamente no programa de formación, na doazón de equipamento TIC e outros bens, na cesión de uso de espazos TIC, apoiando a comunicación ou financiando eventos específicos.

Voluntarios
O programa entende como voluntario dixital o internauta maior de 18 anos, cun coñecemento tecnolóxico de usuario medio capaz de axudar cos seus coñecementos e sentido da solidariedade á alfabetización dixital.

Os voluntarios terán á súa disposición un programa de capacitación incluído no Plan de Formación do Voluntariado da Dirección Xeral de Xuventude para poder realizar as actuacións de apoio dixital, quen tamén asumirá o seguro de accidentes e responsabilidade civil dos mesmos. Ademais da formación os voluntarios recibirán o recoñecemento ao seu labor en forma de certificación da súa participación nas actividades que desenvolvan e terán a posibilidade de poñerse en contacto con profesionais do sector galego das novas tecnoloxías, o mundo empresarial e o terceiro sector.

Obxectivos 2012

Os obxectivos para finais de ano son acadar a colaboración de 200 voluntarios, 100 entidades colaboradoras, entre entidades de acción voluntaria, empresas e outras entidades, e chegar a catro colectivos en risco de exclusión dixital.

Máis de 560 aulas públicas
O Programa de Voluntariado Dixital contará coa infraestrutura e equipamento tecnolóxico cos que conta a Adminstración autonómica como as 98 aulas da Rede de aulas CeMIT, as máis de 300 bibliotecas públicas, os 79 centros sociocomunitarios, os 81 centros CeDIM e outros recursos que poñan á disposición do programa tanto os mecenas como as entidades colaboradoras.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds