Boletín informativo 23 de Xullo de 2018 Nº: 383
VOLUNTARIADO AMBIENTAL NO LITORAL GALEGO 2018
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado pon en marcha un novo programa de voluntariado ambiental no litoral orientado a estimular o interese pola preservación e defensa ecolóxica desta zona marítima así como adquirir valores e actitudes de responsabilidade co medio ambiente no litoral.
O programa levarase a cabo en dúas quendas:

Primeira quenda: do 20 ao 24 de agosto

Segunda quenda: do 27 ao 31 de agosto

A primeira quenda levarase a cabo nas praias da Costa da Morte (Corme, Laxe, Arou, Camelle, Baldaio, Razo...) e a segunda no golfo Ártabro (rías de Betanzos, A Coruña, Ares e Ferrol).

O programa vai dirixido a impulsar e propiciar a participación de persoas voluntarias (un total de 8 por cada quenda) que queiran implicarse na conservación e mellora do medio ambiente no litoral cunha incidencia directa no entorno e que pode resultar unha magnífica oportunidade de desenvolver e acadar un enriquecemento persoal que lles permita un coñecemento do entorno social e medioambiental no que viven e a posibilidade de adquirir habilidades de formación para o futuro.
Os obxectivos que se pretenden acadar con este novo programa son:

- Preservar e protexer o medio ambiente nestas zonas de mar
- Promocionar valores de cuidado e desenvolvemento sostible nos espazos litorais
- Conservación, promoción e fomento do noso patrimonio natural

A acción voluntaria prevista neste programa desenvolverase cun máximo de 5 días á semana na que se realizarán actividades como:

- Retirada do lixo no litoral, a súa catalogación e clasificación posterior
- Labores de vixilancia ambiental ( cantidade e calidade de lixo presente, varamentos de cetáceos, localización de puntos de verteduras de augas contaminantes,vertedoiros ilegais, manchas de petróleo nas praias procedentes da limpeza de bodegas de barcos
- Cinzas procedentes de incendios forestais

O programa inclúe:

1. Aloxamento e pensión completa
2. Programa de actividades e monitores
3. Seguro de accidentes e de responsabilidade civil


As persoas voluntarias deberán desprazarse por conta propia ata o punto de encontro.
Condicións xerais:

Poderán participar no programa voluntarios e voluntarias maiores de idade. As persoas voluntarias que desexen participar, deberán ter en conta que a súa indumentaria debe ser axeitada ás actividades a realizar.

Co carácter previo realizarase unha formación teórica inicial na que se tratará:

- Situación xeográfica das praias nas que se vai traballar e as súas características particulares de acceso, usos profesionais e lúdicos.
- e xustificacións da acción voluntaria a desenvolverase
- App MARNOBA
- Protocolos de actuación e material a utilizar nas posibles accións voluntarias a desenvolver:retirada de lixo, verteduras ilegais...
- Prevención de riscos laborais

Ao finalizar a súa participación neste programa de voluntariado ambiental, as persoas voluntarias obterán da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado un diploma acreditativo da acción voluntaria desenvolvida, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.

PARTICIPANTES E INSCRICIÓNS
Todos os voluntarios e voluntarias que estean dispostos a colaborar neste proxecto poden inscribirse premendo nesta ligazón.

AVISO LEGAL: Se recibe este boletín é porque está dado de alta no noso servizo.
De tódolos xeitos, poñemos á súa disposición este espazo para darse de baixa, no que debe indicar o seu enderezo de correo electrónico e o número de subscritor que aparece no asunto deste correo electrónico.
Este correo electrónico foi enviado por Voluntariadogalego.org. Benvido/a.