Boletín informativo 07 de Novembro de 2017 Nº: 372
Xuntos e voluntarios no Nadal 2017
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado colabora, por sexto ano consecutivo, coa Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade no programa “Xuntos polo Nadal” que organiza esta última.
O obxectivo deste programa é que as persoas maiores que vivan soas poidan pasar acompañadas as festas do Nadal. Con esta finalidade ofertanse 120 prazas na Residencia de Tempo Libre do Carballiño (Ourense) e 120 na de Panxón en Nigrán (Pontevedra).
Este programa vaise desenvolver nas datas comprendidas entre o 23 de decembro de 2017 e o 7 de xaneiro de 2018, e as persoas maiores terán aloxamento e manutención en réxime de pensión completa durante os días que dura o programa.
“Xuntos e Voluntarios no Nadal” é unha iniciativa de ambos departamentos que se pon en marcha coa pretensión de que todo aquel/a que así o desexe poida acudir a estas residencias como voluntario/a, e prestar o seu apoio e colaboración nas actividades que nelas se organicen nesas datas, así como ofrecer a súa compaña aos maiores que alí se atopen.

As persoas voluntarias que participen estarán cubertas pola póliza de seguro de accidentes e responsabilidade civil que ten subscrita a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado .

Os gastos de desprazamento das persoas voluntarias dende o seu domicilio ata a residencia que elixan, a manutención e o aloxamento, se o precisaran, son pola súa conta.

Ao finalizar a súa acción voluntaria, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado expediralles un certificado acreditativo onde conste a labor realizada e as tarefas desenvolvidas polo voluntario/a, que será inscrita como experiencia voluntaria no Rexistro de Acción Voluntaria de Galicia.
Se estás interesado/a en pasar este Nadal coas persoas que acudan a estas residencias cubre o formulario de inscrición que atoparás premendo nesta ligazón.

AVISO LEGAL: Se recibe este boletín é porque está dado de alta no noso servizo.
De tódolos xeitos, poñemos á súa disposición este espazo para darse de baixa, no que debe indicar o seu enderezo de correo electrónico e o número de subscritor que aparece no asunto deste correo electrónico.
Este correo electrónico foi enviado por Voluntariadogalego.org. Benvido/a.