Boletín informativo 19 de Xuño de 2017 Nº: 359
CONTINÚA A VAGA DE CALOR
Hoxe luns, e martes e mércores persiste a masa de aire cálido sobre Galicia. O matiz respecto á fin de semana é que entrou aire frío nas capas altas da atmosfera, provocando inestabilidade. Así, agárdanse chuvascos tormentosos especialmente no interior, que suavizarán as temperaturas. A sensación será de calor intensa, pero o termómetro non se disparará como en anteriores xornadas.
Aínda así persisten os avisos de nivel amarelo por temperaturas máximas en boa parte da provincia de Ourense, agás a zona de montaña, e sur da provincia de Lugo. A partir do mércores irá entrando aire máis fresco dende o Atlántico. Baixarán as temperaturas en todo o litoral. Ese aire máis fresco chegará a toda Galicia o xoves, provocando un descenso xeneralizado das temperaturas.

Con esta predicción, aínda que a situación pode que mellore moi lixeiramente, é importante que se continúe a ter moi presentes as recomendacións emitidas pola Xunta de Galicia.
RECOMENDACIÓNS

Sanidade quere, así mesmo, facer chegar á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor. Beberase máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té e as moi azucradas. Así mesmo, comeranse verduras e froitas e evitaranse as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, Sanidade recomenda usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Asemade, Sanidade sinala que nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible, e nunca inferior a quince.

Recorde que, si ten parentes ou veciños que vivan sos, é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.

AVISO LEGAL: Se recibe este boletín é porque está dado de alta no noso servizo.
De tódolos xeitos, poñemos á súa disposición este espazo para darse de baixa, no que debe indicar o seu enderezo de correo electrónico e o número de subscritor que aparece no asunto deste correo electrónico.
Este correo electrónico foi enviado por Voluntariadogalego.org. Benvido/a.