Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

FEDERACION GALEGA DE DANO CEREBRAL, FEGADACE

Representante legal: JOSE BALBOA AYAN
C.I.F.: G70191051

Coordinador técnico: Lucía Mendoza Fernández

Enderezo:
Rúa Manuel María, 6, 2º Andar, Despacho 2
15705 - Santiago de Compostela - A CORUÑA

Teléfono: 659177709
FAX:
Móvil:

URL: www.fegadace.org
Email: fegadace@fegadace.org

Nº de voluntarios: 5

Novas

(29-09-2017)

Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido en Compostela

FEGADACE organiza, co obxectivo de conmemorar o Día Nacional do Dano Cerebral (26 de outubro) e o Día Mundial do Ictus (29 de outubro), unha Xornada sobre o Dano Cerebral Adquirido que terá lugar en Compostela, na mañá do venres, 27 de outubro. A inscrición pode tramitarse aquí.

Esta xornada ten como obxectivo afondar no dobre aspecto das causas e consecuencias do dano cerebral adquirido, e servir como telón de fondo do acto de entrega do V Premio FEGADACE - Miguel Blanco á xornalista María Escario.

A #XornadaDCA conta con ponentes de primeiro nivel, entre os que se atopa o neuropsicólogo e coñecido divulgador Álvaro Bilbao; o Xefe de Servizo de Clínica Médico Forense do Insituto de Medicina Legal de Galicia, Benito López-de Abajo; ou o Subdirector Xeral de Planificación e Programación Asistencial, Alfonso Alonso. Ademais, FEGADACE estará acompañada do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, e do alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

Esta actividade terá lugar na sede de Afundación (Rúa do Vilar, 19), en Santiago de Compostela, desde as nove da mañá do 27 de outubro. A inscrición é aberta e gratuíta e pode tramitarse a través deste formulario de inscrición. O programa completo é o seguinte:

09:00. Presentación e benvida. Luciano Fernández, presidente de FEGADACE.
09:15. Inauguración institucional. José Manuel Rey, Conselleiro de Política Social
09:30. Rehabilitación DCA: que esperan as familias?. Álvaro Bilbao, neuropsicólogo no Centro de Referencia Estatal de Atención ao Dano Cerebral (CEADAC).
10:30. O traumatismo cranioencefálico como causa do DCA. Representante da DGT.
11:30. Pausa café.
12:00. Causas do DCA e Plan Ictus. Alfonso Alonso Fachado, subdirector xeral de Planificación e Programación Asistencial do Sergas.
13:00. Consecuencias do DCA. Tutela e curatela. Benito López-de Abajo, Xefe do Servizo de Clínica Médico Forense do Insituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA).
14:00. Entrega do V Premio FEGADACE - Miguel Blanco.
14:30. Clausura institucional. Martiño Noriega, alcalde de Santiago de Compostela.

Descarga asociada

(11-11-2016)

3º Encontro de Voluntariado de FEGADACE

O 19 de novembro en Santiago de Compostela.

FEGADACE organiza o sábado, 19 de novembro, o seu 3º Encontro de Voluntariado. Esta cita está destinada aos voluntarios e voluntarias que acompañan ás persoas con dano cerebral adquirido en diferentes actividades e proxectos das cinco asociacións membro de FEGADACE.

O encontro conta cunha parte formativa e outra lúdica. Na primeira, que se inicia ás 10:00, haberá un Espazo de encontro asociativo entre todas as persoas voluntarias. Van estar divididas en dous grupos:

-Grupo 1: Encontro de coordinadores/as de voluntariado. Destinado aos e ás profesionais das asociacións que coordinan e forman ás persoas voluntarias.
-Grupo 2: Formación para o voluntariado: Primeiros Auxilios. Actividade impartida por unha persoa representante da Cruz Vermella.

Ao remate haberá un descanso, de 12:00 a 12:30, tralo que se vai desenvolver a segunda sesión da mañá, de exposición de proxectos exitosos que se están a desenvolver en ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer e Sarela, e un debate posterior.

FEGADACE organiza tamén o xantar. Ao seu remate terá lugar a actividade lúdica, en forma de obradoiro de repostería en vasiños, que impartirá o persoal de Hello Cooking.

Todas as actividades do Encontro van ter lugar no Centro Sociocultural de Santa Marta (Rúa de Antonio Rama Seoane, 6), en Santiago de Compostela.

Esta é a terceira edición dos encontros de voluntariado de FEGADACE, que na súa primeira e segunda edición celebráronse en Vigo.

Descarga asociada

(29-06-2016)

Cartel do V Foro de Familias.

A DGT recibe o Premio FEGADACE-Miguel Blanco no Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral

O encontro de coidadores e coidadoras de persoas con DCA celébrase na Coruña.

A quinta edición do Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido chega con cambios: unha nova estrutura, menos densa, e un novo emprazamento, A Coruña, protagonizan as novidades do encontro anual que organiza FEGADACE. O contido é monográfico, sobre 'Sexualidade e dano cerebral adquirido'. Ademais, entregarase á DGT o IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco e haberá diferentes actividades de lecer e convivencia.

Mañá de formación en Sexualidade e DCA

O V Foro de Familias vai ter lugar no Paraninfo da Universidade da Coruña (Rúa Maestranza, 9) o sábado 2 de xullo. A recepción de participantes está prevista desde as 09:45 e ás 10:15 Juan Luis Delgado, vicepresidente da Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADACECO) e tesoureiro da Federación Española de Daño Cerebral (FEDACE), pronunciará unhas palabras de benvida ás familias. ADACECO é tamén anfitrioa e colaboradora na organización do Foro.

A continuación haberá unha parte formativa, que consiste nun obradoiro sobre 'Sexualidade e dano cerebral adquirido. Como atender, educar e prestar apoio á sexualidade das persoas con DCA'. Vai estar impartido por Natalia Rubio, presidenta da Asociación Sexualidad y Discapacidad, con formación como psicóloga, sexóloga e pedagoga. A mesma docente foi a encargada de impartir un curso, o pasado 28 de maio, sobre a mesma temática pero enfocado aos equipos profesionais das asociacións de FEGADACE.

O obradoiro finaliza ás 12:30. Haberá un descanso e ás 13:00 as persoas asistentes retornarán ao Paraninfo para ter un espazo de debate sobre o obradoiro da mañá, onde tamén poderán expresar as súas inquedanzas con respecto á súa situación como familiares de persoas con dano cerebral.

Entrega do IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco

A mañá vaise pechar coa entrega do IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco e cunha breve cerimonia de clausura. Este acto iníciase ás 13:45 e vai contar coa presenza, en representación de FEGADACE, do seu presidente, José Balboa, e do seu secretario, Fidel Castro. Iniciarase cun recordo do neurólogo Miguel Blanco, falecido repentina e prematuramente en outubro do ano pasado. Blanco dirixía a Unidade de Ictus do CHUS e foi un estreito colaborador da Federación, que lle quixo render homenaxe incluíndo o seu nome no galardón que entrega anualmente e que el mesmo recibiu no ano 2014.

A directora de Acción Social da Fundación Barrié -entidade galardoada o ano pasado-, Mª Isabel Pérez, vai ser a encargada de entregar o IV Premio FEGADACE-Miguel Blanco á Dirección General de Tráfico (DGT), que recollerá persoalmente a súa directora xeral, María Seguí. FEGADACE quere recoñecer o labor de sensibilización para a prevención dos accidentes de tráfico e a drástica redución da sinistralidade viaria acadada grazas ás medidas e campañas da DGT. Os accidentes de tráfico son a segunda causa do dano cerebral, polo que a súa redución e prevención son prioridades para FEGADACE.

No acto de clausura está tamén prevista a presenza de Rocío Fraga, Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, e de Javier Abad, Secretario Xeral Técnico da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

Xantar e tarde de lecer

Trala entrega do galardón haberá un xantar para as familias, que se celebrará na cafetería do Paraninfo desde as 14:30. E como o Foro de Familias e un espazo de aprendizaxe, pero tamén de convivencia e de intercambio, pola tarde, desde as 16:00 haberá diferentes actividades lúdicas que acompañarán ás familias nun espazo de diversión, distensión, intercambio e recreo. Entre estas actividades está unha sesión de teatro de improvisación e outras sorpresas.

Para formalizar a inscrición cómpre contactar coa asociación de referencia (ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Compostela).

Descarga asociada

(23-05-2014)

Decálogo de Voluntariado de FEGADACE

O II Encontro de Voluntariado de FEGADACE, que se celebrou en Vigo o pasado 6 de abril, contou cunha sesión de traballo destinada a elaborar un Decálogo de boas prácticas. As persoas voluntarias das cinco asociacións galegas de dano cerebral debateron, xunto co persoal técnico, sobre como é e como debe chegar a ser o seu traballo. O resultado, a modo de resumo, é unha guía que rexe os valores, principios e modos de intervención do voluntariado en FEGADACE.

DECÁLOGO DE VOLUNTARIADO DE FEGADACE

1. O voluntariado e as persoas voluntarias son unha parte moi importante da nosa acción solidaria a favor das persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias.

2. O voluntariado das entidades de dano cerebral adquirido que forman parte de FEGADACE traballa polo interese e os dereitos das persoas con dano cerebral adquirido, coa formación adecuada, e con compromiso.

3. O voluntariado das entidades que forman parte de FEGADACE traballará en equipo de forma conxunta, coordinada e complementaria cos equipos profesionais remunerados das súas entidades, con coherencia coa súa misión e obxectivos dentro do ámbito das súas responsabilidades, e con compromiso adquirido como persoas voluntarias.

4. O trato e o traballo con e para as persoas con dano cerebral adquirido se fundamenta no respecto aos seus dereitos e na calidade humana, como principio rexedor das súas actuacións.

5. O voluntariado das entidades que forman parte de FEGADACE respectará sempre a intimidade das persoas con dano cerebral con e para as que traballan, sen difundir nin trasladar a terceiros ningunha información que puidese vulnerar o seu dereito á privacidade.

6. A empatía das asociacións coas persoas voluntarias, e destas coas persoas con dano cerebral, as súas familias ou con outras entidades de acción social coas que podamos traballar para a consecución dos nosos fins, deberá ser un elemento que estea presente na nosa forma de actuar.

7. As entidades que forman parte de FEGADACE e a propia Federación promoverán e difundirán as accións e actividades levadas a cabo desde e polos seus grupos de voluntariado, involucrando e incorporando aos mesmos na súa difusión e comunicación, como mensaxe solidaria e comprometida co colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.

8. O voluntariado das entidades de dano cerebral adquirido que forman parte de FEGADACE non ten xénero, traballando desde as súas accións por e en plena igualdade de mulleres e homes no seu quefacer solidario.

9. A nosa forza reside no todo, no equipo; todos e todas somos e formamos parte das entidades de dano cerebral adquirido que compoñen FEGADACE. O voluntariado é unha parte importante desta forza colectiva.

10. A administración deberá comprometerse a apoiar e promover ao voluntariado e o seu traballo, e apostar decididamente pola solidariedade como valor fundamental da nosa sociedade.

Descarga asociada

(12-11-2013)

Captura do vídeo #eupoderíaterdanocerebral

Eu tamén podería ter dano cerebral adquirido

A Federación Galega de Dano Cerebral é consciente de que a mellor maneira de frear o dano cerebral é evitando que se produza. Aínda que o principal obxectivo das asociacións galegas de dano cerebral é prestar apoio na rehabilitación e mellorar a calidade de vida das familias e persoas con dano cerebral, a prevención é crucial para evitar o dano cerebral ou, cando menos, para minimizar as súas secuelas.

A principal causa do dano cerebral son os ictus, cun 78% dos casos. O ictus non se pode evitar, pero si se poden minimizar os seus factores de risco. Abandonar o tabaco, levar unha alimentación equilibrada, frear o estres, moderar o consumo de alcol e facer algo de exercicio son hábitos que manteñen o cerebro e o corazón fortes, desterrando o risco cerebrovascular.

Tralo ictus, a causa maioritaria do dano cerebral son os traumatismos producidos por accidentes de circulación. Manter o cerebro en forma seguindo as pautas antes mencionadas e evitar totalmente o alcol ao volante axudan a reducir o risco de accidentes de tráfico.

Para informar sobre todas estas causas e sensibilizar sobre a prevención das mesmas, FEGADACE reuniu máis de vinte persoas representativas de diferentes institucións, entidades e asociacións que afirman que “poderían ter dano cerebral” en calquera momento, salientando o carácter adquirido e repentino desta discapacidade.

Persoas sen discapacidade, con outras discapacidades, deportistas, voluntarias, técnicas, profesionais e, sobre todo, representantes de asociacións do terceiro sector de acción social, toman a palabra no vídeo que presenta FEGADACE para reflexionar sobre a posibilidade de que o dano cerebral irrompa nas súas vidas cambiándoas da noite para o día. O vídeo está na canle de FEGADACE en Youtube: http://www.youtube.com/watch?v=fS2eQq58X8Q

O vídeo que centra a campaña foi estreado no II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido, que celebramos en Compostela o pasado 19 de outubro.

FEGADACE agradece a participación neste vídeo da Asociación de Enfermos de Crohn e Colite Ulcerosa (ACCU), Asociación de Persoas con Trastorno Bipolar de Galicia (ASBIGA), Asociación de Persoas Xordas de Santiago, Asociación de Transplantados do Ril (TRASRILSAN), Autismo Galicia, Biblioteca Pública Ánxel Casal, CABES, Colexio de Logopedas de Galicia, Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, Concello de Santiago de Compostela, Consellería de Sanidade, Consellería de Traballo e Benestar, Convivir en Igualdade, Coordinadora ONGD’s, Cruz Vermella en Galicia, Down Galicia, EAPN-Galicia, Fundación Secretariado Gitano, Iago Santalla, IGAXES3, Luís Pardo, Miguel Anxo García, Natalia Gestoso, S.D. Compostela, Stop Accidentes, e todas as persoas e entidades ás que finalmente non lles foi posíbel estar na gravación.

(19-12-2012)

Felicitación de FEGADACE

Boas festas e feliz 2013!

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) quere desexar boas festas e feliz 2013 a todas as persoas que traballan pola xente con discapacidade e no voluntariado en xeral.

FEGADACE editou unha felicitación baseada no deseño gañador do concurso de postais de Nadal de FEDACE (Federación Española de Daño Cerebral). Con ela FEGADACE quere lembrar que queda moito traballo que facer para conseguir a inclusión e normalización social que precisan as persoas con discapacidade, e parabenizar a todas as persoas que traballan por ela.

(26-03-2014)

Folleto do Encontro

FEGADACE celebra o seu II Encontro de Voluntariado o 5 de abril

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) celebra o sábado, 5 de abril, o seu II Encontro de Voluntariado. Igual que o ano pasado, o encontro vaise celebrar nas instalacións de Alento, a Asociación de Dano Cerebral de Vigo, no barrio de Navia (Rúa Pedra Seixa, s/n).

Esta xornada vai reunir a persoas voluntarias das cinco asociacións de dano cerebral de Galicia. O seu obxectivo é impulsar e dinamizar o voluntariado coas persoas con dano cerebral adquirido. Comprende convivencia, formación e posta en común do traballo que se desenvolve en cada asociación de FEGADACE.

O encontro comeza de mañá coa presentación do mesmo e unha sesión de traballo de grupo para a elaboración dun decálogo de boas prácticas no voluntariado con persoas con DCA. A continuación farase unha exposición de proxectos que desenvolven as persoas voluntarias nas asociacións de dano cerebral, que dará paso ao xantar.

Pola tarde retómase a actividade con dous obradoiros paralelos: un de primeiros auxilios dirixido a voluntarios e voluntarias e impartido por persoal de Cruz Vermella Vigo, e outro de coordinación dirixido a técnicos e técnicas das asociacións de dano cerebral.

Descarga asociada

(10-10-2013)

Cartel do II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral

FEGADACE dedica o II Foro de Familias ao seu papel de soporte das persoas con dano cerebral adquirido

Celébrase o sábado 19 de outubro en Santiago de Compostela

‘As familias de persoas con dano cerebral adquirido: soporte e acción’ é o lema que protagoniza o II Foro de Familias de Persoas con Dano Cerebral Adquirido. A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) organiza este encontro para contar cun foro de debate, posta en común e axuda mutua das familias de persoas con dano cerebral adquirido organizadas en torno ás súas asociacións, con sede na Coruña, Lugo, Ourense, Santiago e Vigo.

O II Foro de Familias celebrarase en outubro, o día 19, na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Faise este mes coincidindo coa conmemoración do Día do Dano Cerebral -o 26 de outubro-, e conta cunha novidade particular: a entrega do I Premio FEGADACE ao programa da Radio Galega ‘Convivir en Igualdade’.

O programa do Foro está plenamente consagrado ao lema que o preside, e conta con dous bloques principais: as conferencias e o traballo en grupo. O director-xerente da Federación Española de Daño Cerebral, Valeriano Díaz, falará na quenda de mañá sobre ‘O papel reivindicativo das asociacións’. Na tarde, a traballadora social de COGAMI Ángela Lavandeira fará un repaso sobre ‘A lei de dependencia. Cara onde imos’, para achegar ás familias as novidades dunha das súas principais fontes de compensación económica de que dispoñen ante a irrupción da discapacidade nas súas vidas.

As familias terán tamén protagonismo nunha mesa redonda, tamén na mañá, titulada ‘Falan as familias’, na que membros de Renacer, ADACE e Alento expoñerán a súa relación co seu familiar con dano cerebral desde os puntos de vista de diferentes parentescos. A continuación ‘Falan as persoas con dano cerebral adquirido’, presentando un abano de propostas que faciliten a comprensión da súa situación por parte dos seus familiares e coidadores.

Os grupos de traballo recuperan o papel de “soporte e acción” das familias de persoas con dano cerebral para tratar temas como o autocoidado das persoas coidadoras, tanto físico como psicolóxico, o seu papel e posibilidades no asociacionismo, e o reforzo da autonomía persoal da persoa con discapacidade.

Pódese consultar aquí o programa completo do II Foro de Familias.

***
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido.

Descarga asociada

(05-04-2013)


Ciclo de cursos sobre hábitos de vida saudábeis

‘Hábitos de vida saudábel e prevención da dependencia en persoas con dano cerebral’ é o título do ciclo de cursos que FEGADACE organiza durante os meses de abril e maio, no marco do proxecto financiado pola Consellería de Traballo e Benestar para a promoción do envellecemento activo.

Este programa formativo está concibido para promover os hábitos de vida saudábeis nas persoas maiores de 50 anos. Os obradoiros van ter un marcado carácter práctico e neles daranse consellos sobre alimentación e deporte, pautas para evitar os riscos cerebrovasculares, protocolos sobre como actuar perante caídas e accidentes, ideas para frear a obesidade…

Cada obradoiro terá unha duración aproximada de hora e media. Haberá varias edicicións de cada curso en cinco cidades: A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo e Santiago. Nos próximos días a Federación Galega de Dano Cerebral informará das datas e ubicacións concretas.

A inscrición pode realizarse chamando por teléfono ou acudindo directamente ás asociacións de dano cerebral correspondentes a cada unha das cidades nas que se van impartir os cursos: Adaceco na Coruña, Adace en Lugo, Renacer en Ourense, Alento en Vigo e Sarela en Santiago. Para anotarse hai que deixar apenas o nome, apelidos e un número de teléfono.

Descarga asociada

(04-03-2013)

FEGADACE organiza un novo curso sobre dano cerebral en Vigo

A Federación Galega de Dano Cerebral volve colaborar coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns co obxectivo de incrementar o coñecemento social do dano cerebral adquirido (DCA) e de mellorar a calidade da atención e dos coidados das persoas afectadas. FEGADACE organiza os días 4 e 6 de marzo, coa colaboración de Alento, dous obradoiros sobre dano cerebral en Vigo.

A primeira cita será o luns, 4 de marzo, co ‘Obradoiro para coidadores de persoas con dano cerebral adquirido’. Este curso está dirixido a familiares, coidadores e profesionais implicados na rehabilitación, pero tamén ao público xeral concienciado con esta discapacidade. Celébrase de tarde e está repartido en dúas sesións. Na primeira delas, de 16:00 a 17:00 hh., a traballadora social de Alento Alba Fernández dará pautas de ‘Información e Orientación dende o traballo social’. Na segunda metade falarase sobre o ‘Apoio rehabilitador e tarefas do coidador principal’. Esta sesión decorre de 17:00 a 20:00 hh. e nela van intervir Pablo Pérez Mariño, fisioterapeuta de Atención Primaria de Pontevedra, Fernando Vidal, psicólogo en Alento, e Araceli Oubiña Cacabelos, logopeda do CH de Pontevedra.

Na páxina da Escola Galega de Saúde para Cidadáns pode consultarse o programa completo e realizarse a inscrición ao curso.

O segundo obradoiro vai ter lugar o mércores, 6 de marzo, tamén en horario de tarde (16:00 a 20:00 hh.). Leva por título ‘Do domicilio ao ámbito social no dano cerebral adquirido’. Como no caso do anterior, está dirixido a persoas directamente implicadas no coidado e atención de afectados por dano cerebral, pero tamén á sociedade en xeral. Comeza cunha sesión sobre ‘Promoción da autonomía, ocio e tempo libre nas persoas con DCA’, na que vai falar Ana Mª Campoy Carreira, terapeuta ocupacional do CHUVI. A seguir, o psicólogo Clínico do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña Javier Sardiña tratará o ‘Síndrome Burn out nos coidadores principais. Pautas para afrontalo’.

O programa e o formulario de inscrición están na mesma web.

O lugar de celebración será, nos dous casos, a Aula de formación do Hospital Nicolás Peña de Vigo (Avenida das Camelias, 109). A inscrición é libre e gratuíta, e permanecerá aberta ata a véspera de cada un dos cursos.

(21-01-2013)

Fachada do hospital Lucus Augusti, onde se vai impartir o curso.

Lugo acolle un curso sobre o ámbito social e os coidados no dano cerebral

Os días 21 e 23 de xaneiro no Hospital Lucus Augusti

FEGADACE organiza, en colaboración coa Escola Galega de Saúde para Cidadáns, un curso sobre o dano cerebral adquirido (DCA). O curso vaise celebrar en Lugo os días 21 e 23 de xaneiro e está dividido en dous obradoiros, o primeiro para coidadores de persoas con dano cerebral, e o segundo sobre o domicilio e o ámbito social no DCA. Esta actividade formativa está dirixida tanto a familiares e coidadores como ao público en xeral, a calquera persoa sensibilizada co dano cerebral e coa súa incidencia.

O ‘Obradoiro para coidadores de persoas con dano cerebral adquirido’ celébrase o luns, 21 de xaneiro, de 16:00 a 20:00 hh. Pódese realizar a inscrición e consultar o programa a través de internet. A xornada consta de dúas sesións. Na primeira, dunha hora de duración, a directora de Adace-Lugo, Vanesa Mariño, falará sobre a ‘Información e Orientación dende o traballo social’. Na segunda sesión, desde as 17:00, tratarase o ‘Apoio rehabilitador e tarefas do coidador principal’ co fisioterapeuta Juan José Eiroa Bermúdeza, a psicóloga de Adace-Lugo Luisa López, e a logopeda da mesma entidade Sabela Veiga.

O apartado ‘Do domicilio ao ámbito social no dano cerebral adquirido’ verase o mércores, 23 de xaneiro, no mesmo horario de 16:00 a 20:00 hh. Pódese consultar o programa e realizar a inscrición a través da rede. Este obradoiro consta dunha sesión sobre ‘Promoción da autonomía, ocio e tempo libre nas persoas con DCA’, tema que vai tratar a terapeuta ocupacional de Adace-Lugo Almudena Almeida. Na segunda sesión, o psicólogo clínico do CHUAC Javier Sardiña falará sobre ‘O síndrome Burn-out nos coidadores principais. Pautas para afrontalo’.

Ambos os dous obradoiros celébranse en Lugo, na Sala 304 do Hospital Lucus Augusti, que se atopa na 3ª planta. A asistencia é de balde e o prazo de inscrición está aberto ata o mesmo día de cada un dos cursos.

Este é o segundo ano no que FEGADACE e a Escola Galega de Saúde para Cidadáns colaboran para establecer programas formativos que axuden ao enterno social do DCA a afrontar a súa problemática, así como a divulgar as caraterísticas do dano cerebral entre a sociedade en xeral, contribuíndo a alertar sobre a prevención das causas.

(14-01-2013)


A Federación Galega de Dano Cerebral intégrase na rede EAPN contra a pobreza

Co obxectivo de defender da exclusión social ás persoas con discapacidade

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) integrouse este mes de xaneiro en EAPN Galicia, a Rede Galega Contra a Pobreza. Coa súa participación nesta rede, FEGADACE pretende defender do risco de exclusión social ás persoas con discapacidade, ao tempo que contribúe ao labor de EAPN na loita contra a pobreza.

As persoas con dano cerebral adquirido, así como todo o colectivo da discapacidade, padecen un risco de exclusión social moito maior que o da poboación xeral. Aos gastos derivados das súas particulares necesidades de medicación, adaptación do fogar, materiais ortoprotésicos, terapias, etc., súmase a imposibilidade ou enorme dificultade de acceder a un posto de traballo. Esta situación esténdese aos seus familiares, que moitas veces teñen que deixar de traballar fóra da casa para ocuparse do coidado da persoa afectada.

A situación de por si grave deste colectivo estase vendo agravada por causa da crise económica e das políticas de recortes en materia social e sanitaria. Estes provocan un descenso dos ingresos das familias e, por tanto, increméntase aínda máis o perigo de exclusión das persoas con discapacidade e da súa contorna social.

Segundo os datos da ‘Sociedad Española de Medicina Geriátrica’, o custe da discapacidade moderada (cando a limitación da actividade diaria é parcial) está en torno ao 40% da renda do fogar. No caso de persoas con discapacidade severa, este custe elévase ata o 70%.

EAPN (European Anti-Poverty Network) é unha rede creada pola Comisión Europea para “introducir a problemática da exclusión social na axenda política da UE e promover así a implementación de medidas efectivas que axuden a paliar a mesma.” En 2008 créase a sucursal galega, da que, incluíndo a Federación Galega de Dano Cerebral, fan parte 16 entidades, entre elas Cogami, Cáritas, Feafes Galicia, Fundación Secretariado Xitano ou Down Galicia.

A Federación Galega de Dano Cerebral constituiuse en 2007 polas cinco asociacións que traballan en Galicia: Adaceco na Coruña, Adace en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. O obxectivo da Federación é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas afectadas polo dano cerebral.

(08-11-2012)


FEGADACE estreouse nas redes sociais

A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) estreouse recentemende nas redes sociais cun novo blog e abrindo perfíns en Facebook e Twitter.

O fluxo comunicativo de FEGADACE aumentou recentemente coa inauguración de novas plataformas informativas da Federación. Pódense consultar nas seguintes ligazóns:

Blog de FEGADACE

Páxina de Facebook

Perfil en Twitter


[Hemeroteca]

Formato RSS 2.0
xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds