Coordinador técnico: María José Hermida Magariños
Enderezo:
Rúa Pedro Cabezas González, 3, baixo
15702 - Santiago de Compostela - Compostela - A CORUÑA
Teléfono: 981 577 037
FAX: 981 577 037
Móvil:
URL: http://www.sarela.org
Email: voluntariado@sarela.org
Nº de voluntarios: 16
O vindeiro xoves, 21 de decembro, as persoas usuarias da Asociación de Dano Cerebral de Compostela Sarela estarán en Área Central, dende as 11:00 ata as 16:00, cunha ampla variedade de artesanía. Unha alternativa para agasallar nestas festas de Nadal.
O grupo de teatro de Sarela volve ao Auditorio de Galicia para a estrea da súa última creación dramática este venres, 19 de xuño. As entradas para a representación de 'En Sarela non hai quen viva!!', que conta coa colaboración do actor Rubén Riós, están á venda na Asociación de Dano Cerebral de Compostela.
Unha trama de misterio mestúrase co retrato da convivencia nunha vivenda compostelá típica: o piso de estudantes. O contrato de aluguer, unha festa, un biscoito e a policía mestúranse na obra cunha presenza estraña que os protagonistas tratarán de identificar. Un texto dramático coral, no que participan as persoas usuarias do centro de día, profesionais, voluntariado, e tamén familiares.
Tanto o texto como o cartel, a escenografía, o atrezzo e o vestiario foron elaborados nos obradoiros de teatro e de manualidades da asociación. O teatro emprégase en Sarela como medio de expresión, para facilitar a inclusión social das persoas con dano cerebral adquirido, como exercicio de memoria e concentración, e tamén como actividade lúdica. Este obradoiro xúntase unha vez por semana.
'En Sarela non hai quen viva!' conta tamén coa colaboración do actor Rubén Riós, que xa estivo o ano pasado co grupo de teatro da asociación. Riós vai ser o encargado de presentar a obra e de amenizar algún dos descansos.
As entradas están á venda en Sarela a 6 euros. A función será o venres 19 de xuño ás 19:30 na Sala Mozart do Auditorio de Galicia (Avenida do Burgo das Nacións, s/n). Para as persoas que queiran colaborar pero non poidan asistir está dispoñíbel unha fila 0 no número de conta ES80 2080 5355 60 3040034346.
A Xornada de Sensibilización na Comunidade celébrase o venres, 19 de decembro, no Centro Comercial Área Central (Barrio das Fontiñas, Santiago de Compostela), de 10:00 a 14:00 horas. Persoas usuarias, familiares, profesionais, directivas e socias atenderán a quen se achegue para interesarse polos produtos e pola asociación.
As persoas usuarias de Sarela participan, unha vez á semana, nun obradoiro de manualidades no que traballan con coiro, fieltro, papel, pintura, vidro... Os produtos que elaboran pódense ver, unha vez ao ano, na Xornada de Sensibilización, no centro de Sarela, e na tenda online da páxina web da asociación.
Ao remate da Xornada, profesionais, persoas usuarias de Sarela e familiares terán un xantar no Restaurante Gasthof, tamén en Área Central. Quen desexe anotarse ten que poñerse en contacto con Sarela nos teléfonos e correos electrónicos de costume. O prazo de inscrición no xantar remata o luns, día 15 de decembro.
O día 5 de decembro conmemorouse o Día Internacional do Voluntariado. As persoas voluntarias de Sarela conmemorárono elaborando un vídeo no que participa tanto o voluntariado como o equipo profesional. As persoas voluntarias explican na gravación, acompañadas das persoas usuarias da asociación, que lles aporta Sarela.
Na segunda parte do vídeo é o equipo profesional o que toma a palabra para agradecer o traballo do voluntariado. Xenerosidade, bondade ou confianza son algunhas das ideas que lles inspira o traballo voluntario ao equipo profesional. Sarela agradece especialmente a Javier Gómez a edición do vídeo.
O Día do Voluntariado foi decretado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o 17 de decembro de 1985. Desde ese ano, asociacións cívicas e culturais conmemoran a xornada cada 5 de decembro.
O vídeo pode verse desde a canle de Sarela en Youtube.
Os últimos datos sobre mortalidade publicados polo Instituto Nacional de Estadística (INE) a finais de xaneiro indican que o ictus segue sendo a segunda causa de morte en España. A primeira no caso das mulleres.
Ademais de matar, o ictus provoca discapacidade. É a principal causa do dano cerebral adquirido (DCA), nun 78% dos casos. Estímase que hai unhas 35.000 persoas con dano cerebral en Galicia.
Unha das reclamacións principais do movemento asociativo do dano cerebral é un plan de prevención do ictus. Mentres a administración non o desenvolve, Sarela leva a cabo as súas propias accións de sensibilización e información.
Unha vez ao mes, profesionais, persoas usuarias da asociación –todas con DCA provocado por ictus- e persoas voluntarias acoden a un centro sanitario de Santiago para informar sobre as causas do ictus, a súa detección, e as súas posíbeis consecuencias.
A experiencia de Sarela a través desta campaña de sensibilización indica que o coñecemento social do ictus é moi limitado, polo que a prioridade para a asociación desta actividade informativa aumenta.
A próxima cita será o martes que vén (25 de febreiro), de 9:30 a 12:30 hh, na entrada do Hospital Clínico, en Santiago. A asociación convida a observar o traballo informativo que desenvolven as persoas con dano cerebral adquirido repartindo folletos e proporcionando enquisas de valoración do coñecemento do DCA.