Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(05-06-2007)

Anxo Quintana

Vicepresidencia remitirá á Cámara o proxecto da Lei do Voluntariado antes de fin de ano

Quintana salienta que se trata dun texto de consenso, froito das achegas das entidades de acción voluntaria de Galiza

O Vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou no Parlamento de Galicia que o seu departamento agarda ter listo antes de que remate o ano o proxecto de Lei do Voluntariado de Galiza para remitilo á Cámara, na que espera contar co máximo consenso para a súa aprobación. En resposta a unha pregunta do Bloque Nacionalista Galego, Quintana destacou que esta Lei será o resultado dun proceso participativo e transparente no que as propias entidades de acción voluntaria desempeñan o papel protagonista, e amosou o seu convencemento en que "a eficacia e a calidade dunha política depende da participación dos seus destinatarios na formulación da mesma, dende o seu deseño ata a súa aplicación".

Neste senso, o vicepresidente expuxo que a metodoloxía empregada para a redacción do texto é continuadora do traballo que levou á aprobación, o pasado ano, do II Plan Galego de Voluntariado 2006-2010. Este Plan, concibido como a folla de ruta para a política de voluntariado ata o 2010, xa recolle expresamente a necesidade de elaborar novos elementos normativos máis acordes co actual contexto do voluntariado e con maior capacidade para dar resposta ao sector e ao conxunto da sociedade, facendo eco do sentir que as entidades de voluntariado galegas foran manifestando no transcurso dos diferentes encontros provinciais celebrados para a súa elaboración.

Participación

Quintana explicou que, nestes encontros, as entidades de voluntariado tiveron ocasión de analizar o documento de bases para a reforma da Lei de Voluntariado, contribuíndo coas súas achegas. Así mesmo, para recoller as consideracións das entidades, tamén se puxo en marcha o portal www.voluntariadogalego.org. Este proceso, segundo dixo, tivo o seu colofón coa celebración o pasado 15 de maio do Congreso Galego de Voluntariado, un congreso monográfico sobre a futura Lei no que participaron 350 persoas pertencentes a 200 entidades de acción voluntaria. No marco do Congreso, todos os axentes implicados nesta materia (voluntarios, administracións, sindicatos, ONG's, etc.) tiveron ocasión de aportar as súas consideracións en diferentes grupos de traballo.

Ao respecto, insistiu na idea de que, para facer unha norma eficaz para o sector, "queremos que sexa o propio voluntariado o protagonista desta norma", co convencemento de que "debe ser a propia sociedade a que xestione e conduza a acción voluntaria". Neste eido, "o papel da administración debe limitarse a habilitar e favorecer oportunidades, establecendo as condicións e dotando dos medios precisos para que este fenómeno se poida desenvolver plenamente no noso país".

O vicepresidente afirmou que coa reforma da Lei se dá resposta á demanda xeneralizada das entidades do sector. A nova norma permitirá adaptarse a unha realidade que ten mudado moito nos últimos anos, como consecuencia fundamentalmente do incremento do número de entidades que desenvolven labores solidarias, que pasou das 318 entidades no 2002 ás 577 que se rexistraban ao final do 2005, no período de vixencia do I Plan Galego de Voluntariado, no que practicamente duplicaron o seu número. Así mesmo, na opinión de Anxo Quintana, o papel que o voluntariado desempeñou na catástrofe do Prestige e a resposta á vaga de lumes do pasado verán puxeron de manifesto a necesidade de contar coas ferramentas normativas oportunas para coordinar a acción voluntaria e optimizar todo o seu potencial en beneficio do conxunto da sociedade.

Segundo o vicepresidente, a nova lei debe tamén servir para diferenciar claramente a acción voluntaria do traballo profesional retribuído, así como para superar a concepción asistencialista que ata hai ben pouco tiña esta actividade.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds