Saltar navegación
voluntariadogalego.org. Teléfono do Voluntariado: 900 400 800 voluntariadogalego.org. Teléfono Solidario: 900 400 800

Novas


(05-03-2020)

A Xunta mantén un encontro coa veciñanza de Soutomaior sobre o programa Voluntariado no Camiño

O obxectivo é propiciar a participación de persoas voluntarias no vindeiro Ano Santo.

As persoas que participen acompañarán aos peregrinos nas visitas a igrexas e outros monumentos da zona, e tamén lles informarán sobre aspectos culturais e servizos de interese que existan, como albergues ou oficinas de información.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, mantivo esta tarde unha reunión informativa sobre o programa Voluntariado no Camiño con veciñas e veciños do concello pontevedrés de Soutomaior. A Consellería de Política Social e a de Cultura e Turismo poñen en marcha esta iniciativa para relanzar a participación de persoas voluntarias no vindeiro Ano Santo.

Cristina Pichel explicou que, de inicio, este programa se desenvolverá nos Camiños Portugués e Francés, así como na ruta da Vía da Prata, para despois estenderse a todas as vías de peregrinación a Compostela. No caso concreto do Camiño Portugués, que pasa pola localidade de Soutomaior, os elementos patrimoniais que se poderá poñer en valor ao abeiro deste programa son as igrexas de Santo Domingo (Tui), San Bartolomeu de Rebordáns (Tui), Santa María (Oia), San Salvador de Coruxo (Vigo), Igrexa de Santiago (Redondela), Igrexa de Santiago de Vilavella (Redondela), Igrexa de Santiago de Arcade (Soutomaior), Santa María de Alba (Pontevedra), Santa María de Carracedo (Caldas de Reis) e Santuario da Escravitude (Padrón).

Nestes momentos, está aberto o prazo de inscrición para formar parte de accións de información e acompañamento aos peregrinos que percorren a Vía da Prata cara a Compostela, e mañá ábrese a inscrición para o Camiño Portugués. A anotación neste programa pode realizarse na páxina web de Voluntariado Galego.

Voluntariado cultural e informativo
Os participantes nesta iniciativa levarán a cabo actividades en dous ámbitos de actuación. O primeiro é o do voluntariado cultural, que consiste no acompañamento aos peregrinos para as visitas a igrexas e outros monumentos da zona. E o segundo ámbito é o do voluntariado informativo, que ten por finalidade dar conta aos peregrinos e visitantes sobre aspectos culturais e de servizos que existan no ámbito territorial, como albergues, oficinas de información ou centros de saúde, entre outros.

Voluntariado no Camiño procura enriquecer a viaxe dos peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, achegándolles información que precisen, e á vez, dar a oportunidade ás persoas voluntarias de ser embaixadores das rutas xacobeas, ao tempo que adquiren novas habilidades e coñecementos a través dunha experiencia única.

xunta de galicia
© Xunta de Galicia. Información mantida e publicada na internet pola Xunta de Galicia
Oficina de Rexistro Único e Información | Suxestións e queixas | Aviso legal | Atendémolo/a
Formato RSS 2.0 Pode subscribirse as novidades desta web cun lector de feeds